CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez ofrece rebaixar o cupo de visitantes para garantir o acceso ás persoas identificadas como veciños de Ons

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanzou que trasladará esta proposta ao Concello de Bueu, administración a que xa se lle solicitou unha certificación detallada e actualizada do censo de veciños inscritos na Illa de Ons

Afirma que de ningún xeito se vai a renunciar a dispor dun sistema de control do acceso para visitantes e veciños, que é a única ferramenta que funciona para evitar a masificación e garantir a protección deste espazo

Ángeles Vázquez recorda que “os cupos non son un capricho da Xunta”, senón que veñen determinados por informes técnicos e se definiron en base a criterios técnicos de uso internacional

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ofreceu esta tarde a posibilidade de rebaixar o cupo de visitantes ao día, para facilitar o acceso das persoas identificadas como veciños da illa de Ons. Sinalou que está disposta a escoitar a todas as posibilidades e a valoralas; pero ao que non se vai a renunciar de ningún xeito é a contar cun sistema de acceso a través de cupos, xa que é a única ferramenta que funciona para garantir a protección e conservación deste espazo protexido.

Nestes termos manifestouse a conselleira de Medio Ambiente esta tarde no pleno do Parlamento, onde acudiu para informar do funcionamento do sistema de acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e, onde destacou que de tomar a decisión que agora plantexa “a situación quedaría equilibrada e seguiríase a cumprir a capacidade de carga de Ons”.

Esta proposta será remitida aos responsables do Concello de Bueu, aos que xa a comezos do verán se solicitou unha proposta por escrito, concreta e detallada na que especificaran as persoas que teñen dito dereito de acceso a Ons, co fin de cuantificar o número de persoas que resultarían beneficiadas, é dicir, solicitouse ao Concello de Bueu a presentación dunha certificación detallada e actualizada do censo de veciños inscritos na illa de Ons.

A conselleira reiterou a disposición da Xunta a “pulir algúns aspectos”, pero sobre o que non hai dúbida é da necesidade de contar cun sistema de control de acceso. Unha cuestión que considerou irrenunciable, xa que debe aplicarse algún sistema de verificación para garantir que o libre acceso a Ons recae nas persoas que teñen vinculación coa illa, é dicir, concesionarios, veciños, persoas empadroadas en Ons, así como os seus familiares e amigos.

Recordou que coa entrada en vigor do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas -documento avalado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica- fíxase por primeira vez para a Illa de Ons un cupo de visitantes que se sitúa nas 1.800 persoas en tempada alta (1.300 persoas para o acceso xeral, 200 para o cámping e 200 para grupos guiados). Explicou que ditos límites non son un capricho da Xunta, senón que veñen determinados por informes técnicos, que avalan a presión humana que cada illa pode soportar, e que se definiron en base a criterios técnicos de uso internacional.

Estamos, polo tanto, ante unha medida de protección para o Parque Nacional, pois o obxectivo é evitar masificación turística e que se poñan en perigo os valores paisaxísticos e ambientais do Parque Nacional en xeral, e de Ons en particular, aclarou.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que o sistema de acceso funciona correctamente e cumprindo a súa función, tal e como quedou demostrado este verán, a piques de rematar, período no que se contabilizou a visita de máis de 240.000 persoas, case 85.000 a Ons.

Asemade, recordou que esta regulación de acceso de visitantes e turistas, que se aplicou co novo sistema de reserva en Cíes, era reclamada por todos para Ons: os representantes políticos e os veciños, quen aseguraban no verán de 2018 que a illa estaba saturada e reclamaban un control que permitise unha mellor conservación.

Candidatura ante a Unesco

Ángeles Vázquez destacou que os cupos de acceso existen e seguirán existindo, con independencia do que suceda coa candidatura á declaración por parte da Unesco de Patrimonio da Humanidade, que non tería ningún tipo de efecto adicional sobre as restricións de acceso.

Nese sentido, lamentou a actitude de quen está a desinformar con esta cuestión e a propiciar un debate, que en palabras da conselleira “vai máis alá da candidatura e o que se está poñendo en cuestión é se queremos parque nacional ou non”. Ante esta cuestión, a Xunta ten unha resposta clara: conservaremos a principal xoia do patrimonio natural galego, o único Parque Nacional que existe na Comunidade, garantirase a súa biodiversidade e tomaranse as medidas necesarias para conseguilo.

En relación coa candidatura, reiterou que a única que existe na actualidade é a presentada pola Xunta de Galicia, unha proposta real, colectiva e seria; fronte á candidatura da que non existe nin un só papel que defende o alcalde de Vigo, quen “pretende que haxa unha illa de primeira división e outras de segunda” e que quere para Vigo o que non quere para Bueu, Vilagarcía ou Ribeira, lamentou.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es