CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente organiza seis xornadas informativas para que os 313 concellos galegos se unan ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofrece a posibilidade de participar nalgunha das seis mesas que se celebrarán ata o vindeiro mes de decembro

Os dous primeiros serán no mes de setembro, en Lalín e Mondoñedo

O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía é unha iniciativa a nivel europeo que agrupa a miles de autoridades locais e rexionais e na actualidade en Galicia xa son 130 concellos adheridos

A Xunta de Galicia recoñece o poder e a capacidade da actuación a nivel local para mitigar os efectos do cambio climático, unha carreira na que a implicación e participación dos concellos é de vital importancia

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza seis xornadas formativas para convencer aos concellos galegos a sumarse ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e acadar que a totalidade dos mesmos se unan a este proxecto. Na actualidade, hai xa 130 concellos adheridos formalmente ao Pacto na comunidade (43 da provincia de A Coruña, 29 de Lugo, 41 de Ourense e 17 de Pontevedra ) e outros 17 que están en trámites de adhesión.

Así, organiza un total de seis encontros ata o mes de decembro. En setembro celebraranse os dous primeiros: o primeiro en Lalín (Pontevedra) o vindeiro martes, 17 de setembro, e o segundo será en Mondoñedo. Estes encontros terán por obxectivo informar aos concellos galegos dos traballos realizados pola Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes polo Clima e Acción e convidar -aos que aínda non tomaron dita decisión- a adherirse a esta iniciativa, que ten por finalidade facilitar a todas as entidades locais asesoramento estratéxico e apoio técnico, tanto para o proceso de adhesión ao Pacto como en cada paso a seguir como entidade asinante. Ao final da nota indícanse os datos relativos a cada xornada.

A Xunta de Galicia é consciente do poder e a capacidade de actuación a nivel local para paliar os efectos do cambio climático, polo que nesta carreira para mitigar as súas consecuencias a implicación e participación dos concellos é de vital importancia.

O Pacto dos Alcaldes polo clima e enerxía é unha iniciativa da Comisión Europea que agrupa a miles de autoridades locais e rexionais co compromiso voluntario de aplicar nos seus territorios os obxectivos climáticos e enerxéticos da Unión Europea.

O Goberno galego, defensor desta iniciativa como un bo instrumento para implicar aos concellos de Galicia na loita fronte o cambio climático, asume o papel de Coordinadora do Pacto dos Alcaldes na Comunidade galega, a través da Consellería de Medio Ambiente. Non obstante, debido á súa maior proximidade á cidadanía, a implicación dos concellos é determinante no proceso de transición enerxética e nos obxectivos con relación ao cambio climático que se ten fixado a UE para o ano 2030 (que se resumen nun 32,5% de mellora na eficiencia enerxética, un 40% menos de emisións de CO2 e un 32% máis de enerxías renovables). Por iso, lembrou que o reto do Goberno autonómico é traballar para lograr a adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos galegos de aquí a 2020.

Funcións da oficina técnica

A Oficina Técnica do pacto foi creada pola Xunta para actuar como interlocutor directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente, ofrecer asesoramento individual para aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático e detectar posibles sinerxías con outros concellos. Desde que se activou a comezos deste ano, mantivo un papel moi activo e de contacto permanente coas entidades locais, tanto coas adheridas como con aquelas que deron mostras do seu interese pola iniciativa. Así, no que vai de ano visitáronse un total de 136 concellos, contactouse co 95% dos concellos galegos e celebráronse máis dun centenar de reunións de traballo. As principais funcións da oficina consisten en asesorar aos concellos, axudándolles a levar a cabo un inventario de emisións; a elaborar o seu propio Plan de Acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030; e a creación de redes con concellos con similitudes xeográficas, co fin de poñer en marcha accións en común como vía eficaz para afrontar grandes retos globais, optar a apoios e financiamento e acadar metas que serían inalcanzables doutro modo.

Ao mesmo tempo, tamén é a que canaliza, desde o momento en que o pleno municipal aproba a adhesión, o propio trámite para unirse ao pacto, cubrindo o formulario a través da web da UE, e encargándose dos posteriores traballos de carácter administrativo. Os concellos, pola súa banda, asumen unha serie de compromisos cando deciden sumarse ao movemento, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2 no seu territorio nun 40% de aquí a 2030 ou aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático. Actualmente hai 20 concellos que xa teñen realizado o inventario de emisións de referencia.

Unha das últimas actuacións desta Oficina foi o lanzamento dun novo portal web vencellado ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, co fin de dinamizar e canalizar todas as accións promovidas neste sentido pola Xunta.

A páxina pactodosalcaldes.gal é unha ferramenta deseñada co obxectivo de proporcionar aos 313 concellos información de interese para fomentar a súa adhesión ao Pacto e o desenvolvemento dos compromisos que implica, así como servir de canle de comunicación entre a Xunta e os municipios adheridos. Cada entidade adherida terá un espazo privado e, ao mesmo tempo, servirá de canle de comunicación e intercambio de experiencias entre os concellos e a Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia.

Xornadas formativas Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía
(todas en horario de 11:00 a 13:00 h)

 

Día
Concello
Lugar de celebración
17 de setembro
Lalín

Sala de prensa do Concello

24 de setembro
Mondoñedo

Centro Comarcal Pazo Santo Tomé

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es