CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente formará ás empresas sobre a nova tramitación para controlar a trazabilidade no transporte dos residuos

Os cursos coincidirán coa posta en marcha dunha versión mellorada da plataforma GaIA eResiduos, a través da cal empresarios, produtores e xestores autorizados poden cumprir 100% online con todas as súas obrigas nesta materia

Máis de 345 persoas vencelladas a empresas, produtores e xestores de residuos participarán en 13 xornadas programadas para os meses de outubro e novembro

Desde o ano 2015, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia investiu 1,1 millóns en crear e desenvolver o sistema galego de información ambiental
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impartirá en outubro varias xornadas formativas dirixidas a empresas, produtores e xestores autorizados en Galicia co obxectivo de achegarlles as principais novidades relacionadas coa tramitación electrónica das súas obrigas en materia de traslado e xestión de residuos. Precisamente, está previsto que nas vindeiras semanas se poña en marcha unha nova versión de GaIA eResiduos, un módulo específico dentro da plataforma galega de información ambiental (GaIA) para facer trámites relacionados con esta materia.

As melloras introducidas consisten en adaptar a linguaxe informática aos estándares existentes a nivel nacional para que o control da trazabilidade dos residuos sexa o mesmo en todo o territorio do Estado. Por iso, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC) considerou oportuno organizar unha serie de xornadas dirixidas ás entidades usuarias de GaIA eResiduos co fin de formar ao seu persoal para utilizar a nova ferramenta electrónica.

Os interesados tiveron ata o 25 de setembro para formalizar a súa inscrición. En total, 345 persoas participarán nas 13 xornadas formativas que se levarán a cabo entre outubro e novembro nas cidades de Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña e Santiago, a primeira das cales celebrarase o día 21 deste mes na capital galega.

A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Xunta de Galicia leva investidos 1.116.390 euros na creación, posta en marcha e modificación da plataforma GaIA, un punto de acceso gratuíto a disposición de empresas, produtores e xestores que naceu no ano 2015 co obxectivo de converterse no portal único de acceso a todas as aplicacións sectoriais existentes en materia ambiental. Ata o momento, uníronse xa a GaIA máis de 2.000 usuarios, dos que aproximadamente 500 usan a diario o sistema.

Así mesmo, o módulo específico eResiduos da plataforma permite realizar unha tramitación 100% electrónica de todas as obrigas que asumen empresas, produtores e xestores autorizados con relación ao traslado de residuos, ao seu arquivo cronolóxico anual e aos controis aos que están sometidos neste sentido por parte da administración.

Funcionamento
Desde que comezou a funcionar esta aplicación (en setembro do ano 2015), tramitáronse xa electronicamente máis dun millón de documentos de traslado, entre residuos perigosos e non perigosos. Isto supón que a través de GaIA se xestionan unha media de 800 documentos deste tipo cada día. Ademais, presentáronse telematicamente máis de 850.000 notificacións previas de traslado, polo que, en total, lévanse tramitado case dous millóns de documentos por vía dixital.

Ademais e coincidindo coa posta en marcha da plataforma galega de información ambiental, entre xuño e xullo do ano 2015 impartíronse nove xornadas de formación nas catros provincias galegas, cun total de 182 asistentes.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es