CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta sinala as xefaturas territoriais como os puntos de referencia para a posta en marcha das medidas nas áreas declaradas de emerxencia cinexética temporal

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reitera que os Tecores só terán que solicitar permiso de batidas para as xornadas que non se recollen dentro do seu plan cinexético anual

Destaca que con esta decisión o Goberno galego espera atallar gran parte do problema actuando sobre estas catro comarcas que se consideran clave no relativo ao grao de afección comprobado

Salienta a necesidade de que os concellos e a deputación provincias colabore nas medidas informativas e preventivas para a xestión da biomasa e o control de maleza, xa que son zonas idóneas para a cría e o asentamento desta especie
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019-. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladou esta tarde aos responsables dos tecores da Área do Deza que as Xefaturas Territoriais serán o seu enlace para a posta en marcha das medidas a curto e medio prazo que se prevén executar tras a declaración de emerxencia cinexética temporal desta área da provincia de Pontevedra.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou a comezos desta semana que esta decisión do Goberno galego, que abarca -xunto coa do Deza, ás áreas de Betanzos- Eume, Terra Chá e Viana; tras constatarse a existencia dunhas circunstancia especiais de incidencia de danos ocasionados á agricultura, polo que se considera prioritario incidir nestas zonas na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos de control sobre a especie, permitíndose abater ou capturar exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

Do Campo sinalou que esta decisión adoptouse tras a análise da información dispoñible e en consenso co sector cinexético, xa que a procura de solucións ante o problema que supón o xabaril require necesariamente da colaboración dos cazadores. De feito, a Xunta conta co apoio e o respaldo ao devandito plan por parte da Federación Galega de Caza, a entidade máis representativa deste colectivo na Comunidade e un interlocutor imprescindible á hora de establecer mecanismos de colaboración entre Administración e cazadores, na adopción de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexéticas, así como na divulgación entre o sector de información básica para o desempeño da práctica cinexética.

A directora xeral adiantou que a vindeira semana sairá publicada a resolución na que se regulan e establecen as medidas a adoptar nas áreas de emerxencia cinexética, nas que se permitirá, con carácter xeral a caza durante todos os días da semana, con certas particularidades para o caso das zonas libres. Así, nos terreos cinexéticos permitirase a caza durante todos os días da semana, excepto nas zonas libres nas que : no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

En todos os casos, será necesaria unicamente unha comunicación previa ás xefaturas territoriais, efectuada cunha antelación mínima de 10 días naturais, o que supón unha importante axilización dos trámites necesarios para poder levar a cabo estas actuacións. Non obstante , directora xeral aclarou que no caso dos tecores, só deberán presentar a dita comunicación para poder cazar para o caso daquelas xornadas que non estiveran previstas xa dentro do seu plan anual cinexético 2019/2020.

No caso de actuacións de agarda ou espera, permitirase agrupar varias xornadas nunha soa comunicación, o que supón tamén unha importante simplificación de trámites. Nesta modalidade de casa e de excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza.

A directora insistiu na necesidade de contar coa colaboración deste colectivo, pois a declaración prevé que se poida autorizar aos propietarios dos terreos afectados a realizar agardas ou esperas, podendo para isto contar coa colaboración de terceiros, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas. Esta última medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que neste caso particular se acredite a existencia de danos.

Implicación das administracións

A directora xeral demandou novamente a colaboración dos concellos e das deputacións provinciais, para que se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de maleza. Lembrou que as zonas de maleza incontroladas son idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o que propicia a súa incursión na procura de alimento.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es