CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente investirá 41.000 euros na reforma da estación de captura de peixes da Freixa, no concello de Ponteareas

A actuación, cofinanciada nun 75% con fondos europeos e cuxas obras acaban de comezar, permitirá acometer unha serie de melloras e corrixir o deterioro derivado da propia natureza dos traballos que se realizan nestas instalacións desde 1996

A estación recolle datos das especies que transitan por este tramo do río Tea
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá 41.467,38 euros na execución da reforma da Estación de Captura de Peixes da Freixa, en Ponteareas (Pontevedra). A actuación, adxudicada o mes pasado e actualmente xa en execución, permitirá acometer unha serie de traballos de mellora nas instalacións para poder continuar co seu labor de seguimento e estudo da evolución das peixes migradores que transitan cada ano por ese punto do río Tea.

Cómpre lembrar que o Tea é o afluente máis importante da marxe española do Tramo Internacional do Río Miño e o único, xunto ao río Mouro en Portugal, que alberga poboacións de salmón. Por esta razón, as instalacións localizadas na Freixa conta con diversos dispositivos que permiten a captura de peixes de subida -cunha trampa na escala de remonte- e de baixada -cunha trampa na canle-.

Esta estación empezou a operar no ano 1996 e desde entón, recolle información dos peixes que transitan por este punto, levando a cabo un seguimento das poboacións de distintas especies migradoras (salmóns, reos, lampreas, anguías, etc) e estudando as repoboacións realizadas neste río.

O labor de control das poboacións de peixes migradores que se ven levando a cabo na Freixa é de gran importancia, debido a que se trata da única instalación da bacía do río Miño que permite estudar e analizar a evolución de diversas especies tales como o salmón atlántico, o reo ou a troita de mar, a saboga, a lamprea mariña e a anguía europea, algunha delas incluídas nos Anexos II e V da Directiva 92/43/CEE de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

A natureza dos traballos desenvolvidos e o entorno onde se fan produciron un inevitable deterioro na instalación, que a Xunta pretende emendar a través das actuacións actualmente en marcha, cofinanciadas nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), concretamente, do programa INTERREG V-A ESPAÑA-PORTUGAL 2014-2020.

Licitación especies ameazadas zonas húmidas

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a piques de rematar a licitación do servizo para a elaboración de documentos técnicos de base dos plans integrais de recuperación e conservación de especies acuáticas de flora vascular ameazadas en Galicia. Concretamente, o obxecto desta licitación refírese ás especies ameazadas da orde Poales presentes en zonas húmidas da comunidade.

Nestes momentos, acaba de facerse a proposta de adxudicación do servizo por un importe de 22.314,05 euros (sen IVE) e a previsión é que nas vindeiras semanas se asine o correspondente contrato coa empresa seleccionada co obxectivo de elaborar os documentos que servirán de punto de partida aos plans de recuperación destas especies acuáticas.

Para iso, tomarase coma referencia a información máis recente dispoñible sobre a súa abundancia e distribución na comunidade co fin de que resulte nunha proposta razoada de diferentes alternativas de zonificación e medidas de conservación que permitan preservar, manter e restablecer as poboacións naturais destas plantas. En definitiva, trátase de facelas viables a futuro, empregando como referencia o establecido no Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

Cun prazo de execución estimado en 13 meses, a actuación estará cofinanciada nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (FEADER), concretamente dentro do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es