CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Balseiro destaca que a Xunta acomete o primeiro Plan de ordenación do medio físico de Galicia na parroquia de San Fiz de Asma, en Chantada

O delegado territorial de Lugo subliñou que se trata dun dos proxectos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recollidos no Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, co fin de impulsar a candidatura da declaración de Reserva da Biosfera

Chantada (Lugo), 8 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia elixiu a parroquia chantadina de San Fiz de Asma para acometer a redacción do primeiro Plan de Ordenación do Medio Físico (POMF) de Galicia, unha figura prevista na Lei de Ordenación do Territorio de Galicia -Lei 10/1995, do 23 de novembro- cando circunstancias singulares non previstas nas Directrices de Ordenación do Territorio o aconsellen.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que este é un dos proxectos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recollidos no Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, co fin de impulsar a candidatura da declaración de Reserva da Biosfera.

O plan conterá as características diferenciais desta parroquia, destacando os seus valores naturais e potencialidades como soporte de actividades de carácter agropecuario, forestal, ecolóxico, recreativo, cultural ou científico. A finalidade deste documento é establecer unha ordenación integrada da zona tendo en conta as súas especiais características naturais, ecolóxicas e paisaxísticas, que compatibilice a súa protección coa máis racional explotación dos recursos.

Balseiro explicou que tras a declaración da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, mediante o Decreto 166/2018, do 27 de decembro, observouse a concorrencia dunha grande singularidade e especiais características na parroquia de San Fiz de Asma, que a fixeron merecente dunha ordenación detallada.

Así, as súas características xeolóxicas e morfolóxicas, a súa impresionante xeografía, evidencian a súa identidade diferenciada doutras paisaxes e altamente representativa dos atractivos existentes na Ribeira Sacra. Dende un punto de vista morfolóxico, identifícanse grandes contrastes marcados pola profunda fenda que supoñen os cursos fluviais no territorio, así como a forte pendente dos seus vales, que presentan grandes inclinacións e mesmo paredes verticais, e ladeiras que rematan contra zonas chairas con pendentes inferiores ao 16º e conforman a fértil paisaxe da bocarribeira.

O Consello da Xunta de Galicia deu onte luz verde á elaboración do POMF desta área, poñendo así en marcha o proxecto.


A Xunta está a impulsar un proxecto ambicioso, como é o Plan Estratéxico da Ribeira Sacra, nunha zona de indubidable valor paisaxístico e natural na que a Consellería investirá 3,5 millóns cun paquete de 10 actuacións nas que se implicarán todos os seus departamentos e que están consignados nos orzamentos do ano 2020.

Así, ademais de asinar o segundo Pacto pola Paisaxe de Galicia para protexer e ordenar o aproveitamento deste espazo, a conselleira avanzou que en 2020 crearase a ARI da Ribeira Sacra -a terceira xestionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xunto á dos Camiños e á das Illas Atlánticas-.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio tamén traballa na definición dun Plan Territorial Integrado, cun orzamento total de 500.000 euros, e igualmente prevese un Plan Hurbe específico para a Ribeira Sacra, dotado con 1,3 millóns de euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es