CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente orientará aos concellos na tramitación da candidatura de Cabo Ortegal como Xeoparque mundial da Unesco

A directora xeral da Patrimonio Natural recibiu esta mañá a unha representación de alcaldes desta zona, aos que informou do contido da Lei de Patrimonio Natural a respecto deste tipo de iniciativas

Salienta que Cabo Ortegal atesoura valores que o converten nun referente da xeoloxía, polo que esta distinción dará un novo pulo e impulso aos seus valores, ao tempo que se propicia unha dinamización social, cultural e económica da zona

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.- A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, salientou esta mañá o compromiso e colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa iniciativa promovida por sete concellos da Comarca de Ortegal que ten por obxectivo acadar a declaración como Xeoparque mundial para Cabo Ortegal. Trátase dun recoñecemento que emite a Unesco desde o ano 2015, co fin de recoñecer o patrimonio xeolóxico dun territorio.

A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha reunión esta mañá cos alcaldes de Cariño, Moeche e San Sadurniño, tres dos sete alcaldes que integran o proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, aos que lles trasladou a súa colaboración para orientalos e asesoralos na tramitación desta iniciativa e asesoralos nas eivas de protección dos valores naturais.

Nese sentido, Do Campo explicoulles que a nova Lei de Patrimonio Natural recolle que este tipo de figuras, que terán consideración de áreas protexidas toda vez sexan formalmente designados e recordou que aquelas proposta que non sexan iniciadas polo departamento competente en materia de conservación do patrimonio natural deberán contar cunha carta de apoio antes de ser remitida á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco.

Tanto a directora como os alcaldes destacaron a importancia deste territorio, que comprende unha superficie de case 630 km2 distribuídos entre os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e que é un referente na xeoloxía europea. Nese sentido, a directora xeral salientou que a declaración como xeoparque dará un novo pulo e impulso aos seus valores, ao tempo que se abren novas oportunidades e posibilidades para unha dinamización social, cultural e económica da súa zona de influencia.

Do Campo animounos a traballar con rigor e de xeito constante, para evitar demoras na tramitación do proxecto e sobre todo para cumprir o cronograma que manexan os promotores, que -segundo trasladaron á directora xeral- pasa por presenta en xaneiro a proposta de declaración e iniciar o trámite de información pública e consultas en febreiro.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es