CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente iniciará a comezos de 2020 as obras da Ponte de ferro en Portas para completar o itinerario da Vía Verde do Salnés

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu esta mañá ao alcalde de Portas, co que mantivo unha reunión, na que lle recordou a necesidade de dispoñer dos terreos polos que discorre esta actuación

Os traballos que sufragará a Xunta de Galicia correspóndense coa segunda fase deste “proxecto de reciclaxe” ao darlle un novo uso á liña de ferrocarril que une Vilagarcía de Arousa e Portas

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle esta mañá ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada, que o departamento que dirixe iniciará nos primeiros meses de 2020 as obras da Ponte de ferro sobre o río Umia ao seu paso por Portas para completar o itinerario da Vía Verde do Salnés.

Ángeles Vázquez recibiu a Ricardo Martínez, ao que lle recordou a necesidade de dispoñer dos terreos aos que afectan esta actuación, como paso previo ao inicio dos traballos, que consistirán no levantamento de pequenos tramos da vía, retirada de barandillas metálicas, que presenten deficiencias, chapas e estruturas auxiliares, para definir muros e a instalación de tarimas de madeira e a limpeza e repintado de estruturas metálicas.

Estes traballos que financiará ao 100% a Xunta de Galicia correspóndense co tramo que quedou excluído das obras que financia a Deputación de Pontevedra e que supoñen a segunda fase deste “proxecto de reciclaxe”. Así, a actuación que asume a Xunta permite completar as melloras neste itinerario, que se converte na primeira vía verde ferroviaria de Galicia e ao que se pretende dar un novo uso á liña de ferrocarril que une Vilagarcía de Arousa e Portas e poñer en valor este “itinerario ambiental, paisaxístico, turístico e patrimonial”.

A conselleira salientou a necesidade de colaboración para sacar adiante unha iniciativa como esta, xa que representa unha nova alternativa de ocio sustentable e de turismo de natureza, non só para o Concello de Portas, senón para toda a Comarca do Salnés.

Vázquez Mejuto e Martínez Chantada coincidiron en que, ao remate dos traballos, disporase dun novo itinerario co que poñer pon en valor o patrimonio natural da comarca, a través dunha senda que poderán empregar peóns e ciclistas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es