CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Feijóo avanza a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio que culmina o proceso de regulación urbanística de Galicia

Asevera que a norma actualiza, simplifica e axiliza a planificación urbanística para evitar desequilibrios e mellorar a coordinación territorial

Explica que o documento establece un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio e achega maior seguridade á figura de plan sectorial

A lei contempla 4 figuras: directrices de ordenación do territorio; plans territoriais integrados e especiais; plans sectoriais; e proxectos de interese autonómico, “para ordenar o territorio de forma igualitaria e coherente nos 313 concellos galegos”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca que pretende ser unha normativa máis simple, útil, eficiente e práctica que a vixente, que data de hai case 25 anos

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio que actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística para evitar posibles desequilibrios e mellorar a coordinación e planificación integral do territorio en termos de igualdade. “Culminamos así toda a ordenación urbanística de Galicia”, salientou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo aseverou que esta actualización baséase nos principios de coordinación, cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación. “Con este texto, seguimos a liña iniciada coa redacción da Lei do Solo”, dixo, subliñando que se trata de “acadar os obxectivos sinalados pola Estratexia Europea de Ordenación do Territorio e de solucionar as novas necesidades que durante estes 25 anos fomos detectando”, tendo en conta que a norma vixente é de 1995.

Así mesmo, explicou que se establece un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio. E outra das novidades, engadiu, é que o documento achega maior seguridade á figura de plan sectorial -o instrumento que ordena e regula a implantación de actividades sectoriais no territorio-, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.

En definitiva, a lei contempla 4 figuras de ordenación diferenciando entre: as directrices de ordenación do territorio; os plans territoriais integrados e especiais; os plans sectoriais; e os proxectos de interese autonómico, unha figura que substitúe aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

“Estes serían os catro instrumentos que temos á nosa disposición para ordenar o territorio de forma igualitaria e coherente nos 313 concellos galegos”, abundou, e sobresaíu que isto é “unha garantía para o investimento, para o crecemento ordenado, para un urbanismo con principios e para que todo o mundo saiba exactamente que se pode facer”.

A nova lei, concluíu Feijóo, reforza unha serie de obxectivos para mellorar a calidade de vida dos habitantes como: procurar un desenvolvemento equilibrado de toda a Comunidade, garantir a accesibilidade de toda a poboación ás infraestruturas e servizos, mellorar a relación do medio urbano e o rural, e potenciar o desenvolvemento económico sustentable.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que, en liñas xerais, a nova Lei pretende ser unha normativa máis simple, útil, eficiente e práctica que a norma vixente. Nese sentido, apostouse por unha simplificación administrativa, tanto do número de figuras coma no procedemento da súa tramitación.

Ao igual que se fixo na Lei do solo, e co ánimo de acadar una simplificación administrativa, intégrase o procedemento ambiental e a tramitación do instrumento de ordenación, evitando ter que acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable.

Defendeu o traballo do Goberno galego a prol do territorio e da súa ordenación, que hoxe suma un novo instrumento en forma de norma de carácter supramunicipal, co que garantir esa mesma igualdade de oportunidades a nivel da Comunidade, co fin de corrixir os posibles desequilibrios resultantes da variedade que presenta o territorio de Galicia. Ángeles Vázquez concluíu que a nova Lei de Ordenación do Territorio é a última peza da ordenación territorial de toda Galicia, polo que o Goberno galego culminou o proceso de regulación urbanística e agora éntrase nun chanzo superior, que é a supramunicipalidade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es