CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta colaborou co Concello de Xove na transformación da antiga vivenda de mestres nun novo centro de formación e usos socioculturais

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde, Demetrio Salgueiro, visitou o inmoble no que veñen de rematar as obras de acondicionamento

A iniciativa serviu para recuperar 120 metros cadrados para usos de interese veciñal ao tempo que se revitaliza o patrimonio municipal

Xove (Lugo), 5 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia colaborou co Concello de Xove na transformación da antiga vivenda de mestres nun novo centro de formación e usos socioculturais.

As obras, xa rematadas, consistiron no acondicionamento interior e exterior do inmoble para adaptar os espazos aos novos usos e mellorar dun xeito integral a antiga vivenda emprazada xunto ao colexio da localidade. Actuouse sobre a cuberta, fachadas, solos, e na totalidade das carpinterías exterior e interior.

A iniciativa contou cun orzamento que superou 76.300 euros, dos que preto de 46.500 foron apoiados pola administración autonómica, en dúas vías: o programa de mellora de equipamentos da Consellería de Cultura e complementariamente, as achegas do GDR Terras de Miranda e de Agader, axencia adscrita á Consellería do Medio Rural.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde, Demetrio Salgueiro, visitou as instalacións, tras o remate das obras de acondicionamento e destacou a utilidade da reforma realizada.

“Xove recupera 120 metros cadrados dun inmoble ata o de agora en desuso, para actividades de interese veciñal, ao tempo que revitaliza o seu patrimonio”-destacou Balseiro.

O redeseño do local fíxose de xeito que na súa distribución interior permite realizar eventos de todo tipo: como centro de formación, para a organización de reunións, presentacións de eventos, como aula de usos múltiples ou, incluso, para albergar determinadas prácticas deportivas, como é o caso dos cursos de ioga.

O local dotouse tamén de aseos aptos para persoas con discapacidade e é totalmente accesible. A reforma serviu tamén para mellorar a envolvente térmica da edificación existente a fin de lograr un maior grao de confort e de consumo enerxético.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es