CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez avanza que o regulamento da Lei da paisaxe entrará en vigor no primeiro trimestre do vindeiro ano

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu esta mañá a reunión constitutiva do Consello Asesor da Paisaxe, onde afirmou que se trata dunha ferramenta coa que conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia

Vázquez Mejuto recorda que neste Regulamento se indican os tipos de informe que deben emitir os técnicos en relación coa paisaxe sobre as intervencións que se pretendan levar a cabo, ao tempo que concreta conceptos básicos, criterios e metodoloxías relativas á paisaxe

Adianta que o Instituto de Estudos do Territorio tamén publicará no vindeiro ano dúas Guías sobre a intervención en espazos públicos e as actividades extractivas, dentro da Colección de Paisaxe de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé que o Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia entre en vigor no primeiro trimestre do vindeiro ano. Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na reunión da sesión constitutiva do Consello Asesor da Paisaxe, onde analizaron o contido do mesmo, cuxa tramitación está a piques de rematar e que se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

A conselleira destacou que este regulamento é unha ferramenta necesaria para conservar, protexer e mellorar a gobernanza dunha das sinais de identidade da Comunidade; e tamén unha ferramenta técnica para quen traballa con esta materia, xa que concreta conceptos básicos, criterios e metodoloxías relativas á paisaxe, abordados cun sentido pedagóxico.

O Regulamento define os tipos de informes que se deberán emitir para o desenvolvemento de calquera actividade no territorio galego, co fin de identificar e paliar os posibles impactos dos mesmos sobre o territorio e a paisaxe, ao tempo que se identifican as posibles medidas necesarias para a integración do proxecto.

Así, elaboraranse estudos da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística e os estudos da paisaxe urbana nos instrumentos de planeamento urbanístico, co fin de evitar a súa confusión con outras figuras.

Ángeles Vázquez salientou que a importancia de aprobar este Regulamento reside na consecución dun corpus normativo completo sobre a paisaxe, facilitando así a labor técnica e os procedementos administrativos e garantindo a seguridade xurídica e os procesos operativos no que a planificación, ordenación e xestión do territorio se refire.

Por outra banda, a conselleira avanzou que o vindeiro ano será importante en materia de paisaxe, xa que ademais da publicación de dúas novas guías de intervención dentro da Colección de Paisaxes de Galicia, son a relativa a intervencións en espazos públicos e ás actividades extractivas; tamén se prevé a aprobación das Directrices da Paisaxe de Galicia, que se acaban de someter a información pública.

Defendeu que todas estas actuacións están dirixidas a garantir o máximo respecto pola paisaxe, ao tempo que se fai compatible co uso racional da mesma e que fagan de Galicia unha comunidade máis valiosa en termos ambientais e paisaxísticos.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es