CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez proclama na COP25 que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións da UE en lograr a neutralidade climática

Durante a xornada de clausura do Cumio Mundial do Clima en Madrid, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e subliñou o esforzo realizado para situar á comunidade á vangarda de España e de Europa e convertela nun referente de sustentabilidade

Lembra que o Goberno galego foi un dos primeiros en afrontar con determinación os principais obxectivos marcados pola UE en materia de quecemento global, xestión de residuos e aproveitamento dos recursos naturais

Baixo o título ‘Galicia resiliente: comunidade e clima’, a Xunta expuxo as súas principais metas e liñas de actuación para afrontar o quecemento global
 

Madrid, 13 de decembro de 2019-. Galicia camiña con paso firme e apoiándose nas ferramentas máis axeitadas para ser unha das primeiras rexións en alcanzar o ambicioso obxectivo da neutralidade climática. Así o proclamou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que foi a encargada de conducir o evento Galicia resiliente: comunidade e clima organizado pola Xunta no marco do Cumio Mundial do Clima COP25, o encontro internacional máis importante sobre cambio climático e que desde o pasado 2 de decembro reúne en Madrid a máis de 50 xefes de Estado e de Goberno.

Durante a xornada de clausura da COP, Vázquez Mejuto presentou as liñas principais da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, aprobada pola Xunta o pasado 3 de outubro e que durante os próximos cinco anos se porá en práctica a través dun plan rexional integrado con 170 medidas, que implican a todos os departamentos autonómicos e terán un investimento estimado de máis de 1.250 millóns de euros.

Grazas a esta folla de ruta para afrontar un problema “global” en clave galega, o Goberno autonómico “camiñará” cara á neutralidade climática -é dicir, compensar as emisións que non poden ser eliminadas, coas absorcións da propia contorna natural- reducindo, por un lado, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) grazas a unha aposta decidida polas enerxías renovables, e por outro, potenciando a capacidade natural de absorción de carbono de Galicia a través dunha axeitada xestión das masas forestais e dos ecosistemas.

“Somos unha das primeiras rexións españolas en aprobar a nosa propia guía de actuación en materia de cambio climático. E tamén queremos que Galicia sexa unha das primeiras rexións de Europa en lograr reducir a 0 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro”, asegurou a conselleira, quen engadiu que a receita da Xunta para lograr estes obxectivos pasa por dotarse de ferramentas ambiciosas e efectivas, como a propia EGCCE 2050, para afrontar os tres grandes retos da sociedade actual: o cambio climático, a xestión dos residuos e o aproveitamento sustentable dos recursos.

Así, subliñou que Galicia acaba de “pechar o círculo” marcado desde a UE ao dotarse, ademais da EGCCE 2050 aprobada en outubro, de dúas novas ferramentas clave: a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 e o anteproxecto da Lei de Residuos, documentos que onte mesmo recibiron o visto bo do Consello da Xunta.
Con esta tripla receita, segundo explicou Ángeles Vázquez, a Xunta está convertendo a Galicia en parte da solución ao problema do quecemento global, ata acadar unha transición enerxética sustentable, e á vez nun referente no proceso de cambio do actual modelo de consumo e de uso dos recursos naturais cara a outro máis eficiente e sustentable.

En materia enerxética, a responsable de Medio Ambiente volveu poñer a Galicia como exemplo polo seu “firme compromiso coas enerxías renovables”. Un compromiso, incidiu, que se traduce en feitos, como que sexa a segunda rexión española que produce máis enerxía de fontes limpas ou que o 56% da súa xeración eléctrica sexa electricidade renovable, un nivel de produción “máis alto que o da maioría de países europeos e similar ao doutros de primeiro nivel en canto a patróns ambientais, como Suecia”.

Así mesmo, a conselleira recoñeceu que a riqueza natural da comunidade non só é un patrimonio de incalculable valor, senón tamén un gran aliado na loita contra o cambio climático. Pero advertiu que mesmo nesa “Galicia verde e azul” xa se están a percibir “cambios”, que se manifestan nas temperaturas, na distribución da chuvia ao longo do ano ou nos fenómenos meteorolóxicos extremos.

Esta constatación de que na comunidade tamén se están a facer visibles os efectos do quecemento global, precisamente, levou á Xunta a asumir a loita contra o cambio climático e a necesidade de afrontar a medio prazo unha transición enerxética progresiva, xusta e sustentable como unha das máximas prioridades de acción do seu goberno.

De feito, Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en poñerse a traballar nesta liña e, como lembrou a conselleira, tamén é unha das poucas –concretamente, a cuarta- que xa ten aprobada a súa propia folla de ruta para facer fronte nas próximas décadas a este fenómeno. O reto principal da EGCCE é acadar a resiliencia e avanzar ata alcanzar no ano 2050 o obxectivo da neutralidade climática, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego e do medio rural para lograr estes obxectivos. De feito, Galicia é a cuarta comunidade que máis reduciu as súas emisións GEI desde 1990.

“Está claro que necesitamos actuar para facer fronte ao cambio climático”, advertiu a conselleira, que aproveitou a súa presenza nun cumio internacional chamado a alcanzar acordos ao máximo nivel nesta materia para facer un chamamento a que esta actuación sexa “global porque todos somos parte dun único planeta”.

Participación do Sergas e o Xera

O evento organizado hoxe pola Xunta no marco da COP25 tamén contou coa intervención do xerente do Servicio Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema Piñeiro. Baixo o título A traxectoria do Sergas como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a resiliencia, unha proposta para repensar, Fernández-Campa falou sobre a transformación que experimentou o sistema de saúde pública de Galicia desde a aprobación da primeira Estratexia Sergas 2014, á que se lle deu continuidade coa Estratexia 2020, e que definiron os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación a seguir para consolidar un modelo sanitario innovador, sostible e centrado nos cidadáns.

Do mesmo xeito, o xerente do Sergas afondou tamén nos traballos previos e de diagnose que se están a facer para dotar ao sistema de saúde galego -que xa é unha administración referente desde o punto de vista da compra pública innovadora- da súa propia Estratexia de Economía Circular, unha folla de ruta na liña do documento marco que aprobou a Xunta onte pero adaptada ás necesidades específicas que presenta neste sentido o eido sanitario.

Para pechar o acto, o director do Xera fixo unha presentación titulada Contribución da industria forestal á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible e as metas fixadas no Acordo de París, que centrou na importancia que ten este sector na transición cara a economía circular, a mitigación do cambio climático e a fixación de poboación no rural, favorecendo a prosperidade ao proporcionar produtos e servizos renovables.

O termo sustentabilidade, como lembrou Lema Piñeiro, acuñouse na industria forestal. Por esta razón, a Xunta traballa coa cadea de valor, nun esforzo compartido xa que a industria forestal é a panca de cambio que axudará a resolver as demandas actuais da sociedade mellorando as vivendas; proporcionando mellor alimentación e embalaxes sustentables; revolucionando a industria téxtil con tecidos baseados en madeira; achegando novos produtos sanitarios que democraticen o acceso á hixiene; ou ofrecendo novas solucións enerxéticas e materiais que eviten o consumo de derivados fósiles.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es