CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta investirá 3,1 millóns de euros no seguimento e control da calidade as augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa a través do Laboratorio de Medio Ambiente

As Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade asinaron un convenio para blindar os protocolos de control

Ambos departamentos cooperarán na análise e xestión das augas naturais

Este acordo, que entrou en vigor o 1 de xaneiro e se prolongará durante dous anos, desenvolve con medios propios da Xunta os traballos de análise e xestión das redes de control definidas no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica

O Laboratorio de Medio Ambiente encargarase da toma de mostras, de analizalas e de facilitar periodicamente os resultados a Augas de Galicia, organismo competente na materia e que asumirá a dirección técnica das accións a realizar

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, veñen de asinar un convenio para estender ata o ano 2021 a súa colaboración no seguimento e control da calidade da auga na Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, cun investimento de 3,1 millóns de euros.

Este acordo, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2020 se prolongará ata o 31 de decembro de 2021, permite desenvolver con medios propios da Xunta os traballos de análise e xestión das redes de control definidas no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Trátase de accións que contribúen a determinar o estado das masas de auga superficiais da Demarcación e á conservación dos sistemas fluviais e costeiros. Para iso os traballos céntranse no cálculo dos distintos indicadores fisico-químicos, biolóxicos, hidromorfolóxicos e químicos que radiografían a situación do ríos, encoros ou augas costeiras da Demarcación e comproban a evolución do seu estado.

Segundo o contido do convenio, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez a través do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG) asume o compromiso de realizar a toma de mostras en augas superficiais continentais, augas costeiras e augas de transición, así como de encargarse do seu transporte e custodia ata as instalacións do laboratorio, onde se desenvolverán as actividades correspondentes para a súa análise ou entrega -no caso das mostras de sedimento en augas costeiras e de transición- a quen corresponda facelo.

Tamén, o Laboratorio de Medio Ambiente manterá informada ao organismo competente en materia de augas da marcha dos traballos, entregaralle os resultados cunha periodicidade que nunca será superior aos dous meses desde a data de execución e facilitaralle todos os datos e a información que lle soliciten ao respecto.

Pola súa parte, Augas de Galicia, entidade pública adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e responsable da xestión da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, encargarase de exercer a dirección técnica do desenvolvemento das accións que son obxecto do convenio e comprométese a compensar á Consellería de Medio Ambiente por unha parte dos gastos nos que incorra para a realización dos traballos acordados.

Deste xeito, Augas de Galicia asumirá un custo de ata 1.472.408,5 euros mentres que o LMA farase cargo do resto dos custes que, tal e como se recolle no convenio, suporá mobilizar en conxunto 3,1 millóns de euros para garantir a execución do seu obxecto ao longo dos anos 2020 e 2021.

Este acordo de colaboración entre as consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas é posible grazas á capacidade analítica do Laboratorio de Medio Ambiente, un centro de referencia en materia medioambiental en España e en Europa. De feito, estas instalacións cumpren con todos os requisitos de calidade técnica que esixe a lexislación en materia de augas naturais e contan co equipamento e o persoal cualificado necesarios para executar as análises químicas e biolóxicas que esixe a Directiva Marco da Auga para a valoración do estado químico e biolóxico das augas naturais continentais, costeiras e de transición.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es