CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Xunta, Ecoembes e concellos chegaron a máis de 60.000 persoas en 2019 con accións formativas e de divulgación sobre reciclaxe

A colaboración entre as tres entidades permitiu levar a recollida selectiva a 671 feiras, feiróns e eventos gastroculturais celebrados por toda a xeografía galega

O proxecto coa canle Horeca para formar e implantar a separación de residuos no sector hostaleiro sumou o ano pasado 1.100 novos establecementos adheridos

Repartíronse máis de 3.000 contedores amarelos entre 114 entidades locais co fin de reforzar e renovar as súas infraestruturas para a recollida de envases

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2019.- A colaboración entre Xunta, Ecoembes e entidades locais co fin de incrementar a concienciación dos galegos e a súa sensibilidade cara a todo o relacionado coa reciclaxe marcou cifras récord no ano 2019. Así, chegouse a máis de 60.000 persoas, directa ou indirectamente, grazas ás accións formativas e de divulgación sobre separación de residuos que se promoveron ao longo do ano coincidindo coa celebración de feiras de mostras, eventos gastroculturais, festivais de música e feiróns.

En total, foron 671 as accións realizadas en eventos deste tipo, impartidas sempre por monitores especializados que informaban aos asistentes sobre a importancia de separar e reciclar ben, así como dos distintos sistemas de recollida selectiva que existen en Galicia.

De forma complementaria, a colaboración entre a Administración autonómica e Ecoembes -a organización que coordina en toda España a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks- tamén permitiu renovar e reforzar as actuais instalacións para o depósito e recollida deste tipo de residuos urbanos. Así, ao longo do ano pasado repartíronse 3.075 novos contedores amarelos entre un total de 114 entidades locais de toda Galicia, ao tempo que se melloraron as rutas de recollida.

Así mesmo, o ano pasado mantívose e reforzouse o proxecto coa canle Horeca, que integra a hoteis, restaurantes e servizos de catering. Un total de 1.100 novos establecementos de toda a comunidade sumáronse á iniciativa, que inclúe formación específica en separación de residuos e recollida selectiva para os traballadores de cada novo local adherido.

Outro dos proxectos froito da cooperación entre distintos departamentos da Xunta e Ecoembes é Camiño da Reciclaxe. Tras varios anos en funcionamento, o obxectivo desta iniciativa é facilitar e poñer ao alcance dos peregrinos que percorren as diferentes rutas xacobeas os medios necesarios para que poidan depositar os seus residuos nos contedores axeitados. Cómpre lembrar que, actualmente, Camiño da Reciclaxe está presente en albergues do Camiño Francés, do Norte, do Portugués e do Inglés.

Así mesmo, tamén se mantén unha estreita liña de colaboración con diversas entidades deportivas galegas. O Real Club Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o Hockey Club Liceo, o Obradoiro CAB ou o Básquet Coruña son algunhas das máis implicadas para impulsar a práctica da reciclaxe tamén fóra do eido doméstico, prestando unha atención especial ás novas xeracións a través da organización de charlas e actividades nos diferentes campus infantís e xuvenís que promoven.

Todas estas cifras reflicten o traballo realizado pola Xunta e Ecoembes, co apoio dos municipios colaboradores como administración responsable da xestión dos residuos sólidos urbanos, co fin de optimizar de forma constante o sistema de reciclaxe en Galicia e buscar unha maior implicación dos cidadáns co medio ambiente.

De feito, nun momento de crecente preocupación global pola contaminación, o cambio climático ou a proliferación dos plásticos, os galegos amosan a súa responsabilidade coa contorna a través de xestos individuais como a reciclaxe, cuxos beneficios ambientais son directos tanto no que respecta ao aforro de emisións de CO2 como no consumo de auga e enerxía, así como para manter os espazos naturais libres da chamada basuraleza (término acuñado para referirse aos residuos abandonados polo ser humano en plena natureza).

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es