CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente converte a Outeiro de Rei nun exemplo para os concellos lucenses á hora de xestionar os biorresiduos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coñece o programa de instalación para a implantación de 175 unidades do quinto contedor, para converter esta fracción de lixo en compost ou fonte de enerxía

Recorda que o seu departamento mobilizará máis de 8 millóns de euros para mellorar a xestión dos residuos urbanos e camiñar cara un modelo no que se priorice a valorización da materia orgánica

Salienta que Galicia é a única comunidade que ten pechado o círculo ambiental para afrontar o cambio climático e a mellora da xestión dos residuos, grazas ás Estratexias de Economía Circular e de Cambio Climático e Enerxía e a nova Lei de residuos
 

Outeiro de Rei (Lugo), 10 de xaneiro de 2020-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o Concello de Outeiro de Rei é un exemplo e referente para os restantes municipios da provincia á hora de xestionar os biorresiduos. Así o trasladou esta mañá durante a súa visita a este municipio lucense para coñecer o programa para a instalación de 175 unidades do quinto contedor, coa finalidade de facer desta fracción de lixo unha fonte de enerxía ou en compost de calidade.

A conselleira destacou que a colocación e distribución do que se comezará a coñecerse como “contedor marrón” en Outeiro de Rei comezará entre os grandes produtores, como supermercados, restaurantes, residencias de maiores...; mentres que a instalación nas áreas urbanas comezará na urbanización Santa Isabel, onde os veciños participarán nun proxecto piloto para avaliar a recollida dos biorresiduos.

Vázquez Mejuto salientou que, con esta decisión, Outeiro de Rei marca un fito ambiental ao ser dos primeiros concellos galegos en implantar este contedor, na liña dos obxectivos que marca Europa par conseguir unha xestión integral dos biorresiduos. Engadiu que hai outras razóns que fan de Outeiro de Rei un exemplo, pois conta con punto limpo, acolleuse á bonificación do canon de Sogama e disporá de novos e máis contedores amarelos (envases lixeiros) e azuis (papel e cartón) co fin de facilitar e animar aos veciños a poñer en práctica unha correcta separación dos residuos urbanos.

Recordou que este ano será decisivo para avanzar na separación e tratamento de forma correcta o 42% da materia orgánica presente na bolsa negra xerada en cada fogar galego. Nese sentido, asegurou que en 2020 increméntase o esforzo para mellorar a xestión dos residuos urbanos, cun orzamento de máis de 8 millóns de euros, fronte aos 5,6 do pasado ano; e que permitirán iniciar a posta en marcha de tres plantas de tratamento de biorresiduos domésticos, habilitar axudas para o desenvolvemento de plantas deste tipo, para complementar ás da Xunta; así como subvencións para que os concellos promovan diferentes accións para mellorar a xestión dos residuos urbanos.

Por último, salientou que Galicia é hoxe unha comunidade máis preparada para asumir os retos que marca Europa en materia de residuos e na loita contra o cambio climático, xa que definiu tres ferramentas coas que se pecha o círculo ambiental e que a sitúan como a única comunidade española en contar cunha Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, cunha Estratexia de Economía Circular, ás que se unen unha Lei de residuos, que se atopa en trámite parlamentario.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es