CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e A Capela colaboran na apertura dun novo centro de recepción de visitantes no Parque Natural das Fragas do Eume

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde da Capela asinan un protocolo de colaboración que permitirá abrir un novo punto informativo e divulgativo no lugar da Estoxa

O novo espazo tamén está pensado para o desenvolvemento de actividades de educación ambiental e de posta en valor da riqueza natural do parque

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Capela asinaron esta tarde un protocolo de colaboración para abrir un novo centro de recepción de visitantes no Parque Natural das Fragas do Eume. Grazas á colaboración fixada hoxe o Concello cede o uso dunhas instalacións municipais para albergar o terceiro Portal das Fragas do Eume no lugar da Estoxa.

Este Portal da Capela tamén será un espazo que albergará actividades de educación ambiental e atención ao público relacionadas co Parque Natural, de xeito que se poña en valor a riqueza do Parque Natural das Fragas do Eume e deste termo municipal.

O edificio localizase nunha finca de 800 metros cadrados e consta de 100 metros cadrados, repartidos en varias estancias: unha recepción de 30 metros cadrados e unha sala de exposicións de 70 metros cadrados. Tamén dispón doutros servizos, como aseos públicos e unha zona de aparcadoiro, con capacidade para 30 vehículos.

Este novo portal vén a complementar a labor informativa e divulgativa dos outros dous puntos que existen no Parque natural, como son o Centro de Recepción de Visitantes do Portal do Eume (ou de Caaveiro) en Pontedeume, concretamente situado na estrada Ombre-Caaveiro; e o Centro de Recepción de Visitantes do Portal de Monfero, localizado na estrada DP-5003 s/n, fronte ao Mosteiro de Monfero. Este centro terá estará aberto de martes a domingo e contará con monitores e técnicos para a atención dos visitantes.

A conselleira considerou que a apertura deste novo Portal na Capela é unha iniciativa cun dobre obxectivo: informar e divulgar os valores naturais das Fragas do Eume; ao tempo que se dá uso e función aos inmobles que existen nos concellos, evitando o seu deterioro pola falta de uso ou funcións.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es