CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente publica o informe ambiental relativo á modificación do Plan xeral do ámbito da Sardiñeira que permite avanzar nos accesos á estación intermodal da Coruña

Esta modificación tamén prevé rematar a praza da Sardiñeira e construír unha fachada urbana de calidade para o novo sistema xeral viario e que posibilite a mobilidade transversal

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera que esta modificación non producirá efectos significativos no medio ambiente, pero recomenda establecer unha serie de medidas de integración paisaxística para as novas edificacións e para obter espazos urbanos de calidade
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático polo que se fai público o Informe Ambiental Estratéxico da Modificación Puntual do Plan xeral de ordenación municipal no polígono 029 A Sardiñeira, no Concello da Coruña.

Desde a Consellería de Medio Ambiente considérase que non é necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria ao considerar que non se producirán efectos significativos no medio ambiente.

A Modificación proposta, promovida pola Administración local, consiste en reordenar o polígono 029 para dotar dun acceso viario axeitado á futura estación intermodal da Coruña. Ademais, a modificación pretende rematar a praza da Sardiñeira e construír unha fachada urbana de calidade para o novo sistema xeral viario e que posibilite a mobilidade transversal. O ámbito de actuación acolle os terreos situados entre a avenida de Arteixo e a avenida Sardiñeira, no suroeste da Cidade da Coruña, pertencentes ao polígono 029 de solo urbano non consolidado do PXOM, principalmente.

Por mor da construción da nova terminal e o incremento dos tráficos previstos é necesaria mellorar as conexións, incrementando a súa capacidade, motivo polo cal se propón a modificación da súa ordenación detallada. Deste xeito, ordénase este polígono para dotar de acceso á estación intermodal, ademais de rematar a praza da Sardiñeira e se facilita a mobilidade de peóns, bicicletas e vehículos.

En todo caso, o Instituto de Estudos do Territorio indica a necesidade de medidas de integración paisaxística para as novas edificacións, así como medidas que poden contribuír a obter espazos urbanos de calidade, como establecer condicións sobre a calidade de deseño e compositivas para as novas edificacións, coas que se procure unha imaxe de conxunto coherente e unitaria; así como normas específicas que regulen as condicións dos espazos públicos (viario e espazos libres ou zonas verdes), en canto ao deseño dos percorridos peonís e áreas de descanso ou lecer, selección de pavimentos, especies vexetais tapizantes, arbustivas e arbóreas, iluminación, mobiliario, publicidade, carteis e sinais e calquera outro aspecto que poida incidir na calidade paisaxística dos devanditos espazos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es