CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente analizará a viabilidade de promover unha nova área de desenvolvemento industrial no concello de Lousame

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá coa alcaldesa María Teresa Villaverde, quen lle trasladou que o Goberno local xa traballa no correspondente estudo de viabilidade do proxecto ante o interese amosado por algunhas empresas

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de que o Concello de Lousame promova unha nova área de desenvolvemento industrial neste municipio. Así o acordaron esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa do concello coruñés, María Teresa Villaverde, no transcurso dunha xuntanza para falar da futura creación desta área empresarial.

Ao respecto, a rexedora explicou que o Goberno local ten constancia do interese de varias empresas por instalarse para desenvolver a súa actividade no Concello de Lousame. Por este motivo, avanzoulle á conselleira a súa intención de remitir á Xunta un estudo de viabilidade para o desenvolvemento da devandita área empresarial e no que se concrete a súa posible localización.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente indicou que o órgano encargado de emitir o informe sobre a idoneidade deste novo equipamento industrial é o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), polo que se lle trasladará a documentación que achegue o Concello de Lousame e iniciará as consultas necesarias ante os organismos oportunos.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es