CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente suspende a venda de permisos de pesca fluvial e permite a apertura de tendas de alimentación animal

O prazo para proceder a apertura de venda estará determinada polo levantamento das restricións establecidas para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas dos permisos coincidentes coas datas da alarma

Apela á colaboración cidadá e só os propietarios sen síntomas poderán sacar a pasear aos seus cans de xeito individual

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020.- En cumprimento das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia con motivo da declaración do Estado de alarma, declarada polo Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decide suspender a venda de permisos de pesca fluvial. Así se fai público na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, accesible a través do enderezo: https://pescafluvial.xunta.gal/

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén quere trasladar que no momento en que se declare o levantamento das restricións establecidas -como consecuencia da declaración do estado de alarma- volverase a habilitar novamente a posibilidade de acceder a súa venda.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas correspondentes aos permisos de pesca fluvial coincidentes coas datas de vixencia do presente estado de alarma. As taxas aboadas para a expedición dun permiso van desde os 2 euros para a pesca sen morte ata os 13 euros, para pesca de 1º categoría (valida para a captura de salmón e resto de especies).

Animais de compañía

Asemade, a Xunta de Galicia quere informar de como a declaración do Estado de alarma incide na tenza responsable de animais de compañía. Recórdase que poderán permanecer abertas as tendas de alimentación de animais, así como os servizos veterinarios. Asemade o persoal dos centros de acollida seguirá acudindo a alimentar e coidar dos animais que se atopen ingresados nun centro destas características e os técnicos dos centros de recuperación de fauna silvestre continuarán co desenvolvemento das súas funcións.

Tamén se recorda que só os propietarios sen síntomas poderán sacar aos seus cans a pasear, de xeito individual; co fin de que os cánidos poidan facer as súas necesidades. Non obstante, non será necesario limpar con ningunha sustancia desinfectante a zona defecada, tras a retirada da feces do can.

Recórdase que a información científica indica que os animais de compañía non padecen nin transmiten o coronavirus.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es