CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta presenta aos concellos a app que poderán usar voluntariamente para controlar o aforo das praias máis concorridas

Porá a súa disposición ferramentas para axudarlles nesta competencia municipal co fin de dar garantías a galegos e turistas e proxectar un destino seguro

O Ministerio de Sanidad fixa límites de persoas nos areais pola crise sanitaria

Trátase dun sistema voluntario, que busca facilitar o labor dos concellos nun ámbito no que a Administración autonómica carece de atribucións

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia reunirase mañá coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ofrecer a súa colaboración aos concellos na xestión do aforo das praias este verán. O Goberno autonómico ponse así a disposición dos concellos galegos para axudar no manexo da capacidade dos areais que establece o Ministerio de Sanidade como consecuencia da crise derivada do Covid-19.

Con esta finalidade, a Xunta de Galicia desenvolveu tarefas previas, traballando coa máxima anticipación e planificación posible, e analizou a través do Instituto de Estudos do Territorio a superficie de cada praia, contribuíndo desta maneira a determinar a súa capacidade.

A implementación destas medidas por parte dos concellos será de carácter voluntario e flexible, respectando a autonomía municipal no ámbito das súas competencias, posto que a xestión das praias corresponde aos propios concellos. A reunión prevista permitirá analizar as necesidades específicas, de xeito que aqueles concellos que o precisen poidan empregar este sistema ou optar por outros sistemas alternativos.

“En Galicia temos un total de 960 praias e os estudos indican que poderíamos ir con total seguridade máis de 936.000 persoas ao día”, explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio Vivenda, Ángeles Vázquez. Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou que o obxectivo “é converter as nosas praias en destinos seguros, dando confianza tanto aos veciños como aos posibles visitantes que queiran gozar delas”.

O visor do Catálogo de Praias de Galicia permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga en función dos criterios fixados por parte do Goberno do Estado. A este respecto cómpre precisar que a Comunidade conta con máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña 454 praias, 414 Pontevedra e 92 Lugo.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es