CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente redobra os esforzos para controlar a poboación de xabaril e paliar os posibles danos en época de semente

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinalou esta mañá o papel dos cazadores para reducir o conxunto de individuos desta especie silvestre a través de actuacións de caza controlada

Recorda que a época de semente é un período no que se rexistran máis incidencias, polo que reitera a agricultores e gandeiros a necesidade trasladar a través do 012 as incidencias que rexistren nas súas propiedades, para tramitar posibles accións de caza e acceder ás axudas

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda redobrará os esforzos para controlar a poboación de xabaril e, en consecuencia, paliar os posibles danos que ocasione esta especie silvestre, non só na agricultura, senón tamén na gandaría, na circulación viaria.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá esta decisión aos catro xefes territoriais da Consellería, cos que mantivo unha reunión, na que os invitou a tramitar as accións de caza que demanden o colectivo de cazadores, co fin de que esta medida reduza a presenza deste tipo de individuos. Así, as Xefaturas territoriais manterán un contacto fluído e directo cos tecores galegos para determinar a idoneidade de organizar accións de caza controlada e actuar con rapidez.

Deste xeito, estableceuse unha instrución para axilizar a autorización da realización de medidas de control ao xabaril, como medidas paliativa dos danos producidos por esta especie unha vez producida; medidas preventivas, para evitar danos recorrentes ou repetitivos; e excepcionais, para o control das poboacións de xabaril en determinados terreos.

Asemade, tamén lles solicitou que informen a agricultores e gandeiros da necesidade de que trasladen -a través do 012- todas as incidencias que se rexistren nas súas instalacións ou propiedades, coa finalidade de que se poidan tramitar e organizar accións de caza para evitar maiores danos e sobre todo para solicitar posibles axudas que compensen os danos ocasionados polo xabaril, agora que comeza a época de semente.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o seu departamento é consciente de que esta especie silvestre foi gañando terreo e confianza durante este período de confinamento, na que a ausencia de actividade permitiu achegarse ás zonas poboadas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es