CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta duplica a dotación da convocatoria de 2020 do Bono de Alugueiro Social, ao que destinará 2 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación nun millón de euros da dotación inicialmente prevista este ano para o programa

Esta contía súmase aos 2,05 millóns de euros da convocatoria actual do Bono de Alugueiro Social específico para vítimas de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia incrementou nun millón de euros a dotación da convocatoria deste ano do Bono de Alugueiro Social, polo que, en total, o programa de axudas pasará a estar dotado con dous millóns de euros. Así consta na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, logo de que a ampliación fora aprobada polo Consello da Xunta hai unhas semanas.

Cómpre lembrar que o Bono de Alugueiro Social convocouse o pasado 3 de febreiro e o prazo para poder solicitar as axudas permanecerá aberto ata o próximo 11 de decembro. Ademais, a Xunta convocou tamén en 2020 o Bono de Alugueiro Social destinado especificamente ás vítimas de violencia de xénero, dotado na convocatoria deste ano cun total de 2,05 millóns de euros.

O Bono de Alugueiro Social é un programa xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo en virtude do cal se concede unha axuda mensual destinada ao pago do alugueiro. A contía da subvención pode ser de 225, 200 ou 175 euros en función de se a vivenda se empraza nunha das sete grandes cidades, nas principais vilas galegas ou nos concellos de tipo rural, respectivamente. O importe mensual da axuda equivale ao 50 por cento do prezo máximo de alugueiro que poderá ter a vivenda.

Como consecuencia da Covid-19, a Xunta decidiu que desde o pasado mes de abril e ata o vindeiro decembro, tanto os Bonos xa concedidos como os que se poidan outorgar no que queda de ano cubran o cen por cento do importe mensual do alugueiro, aínda que se superen os límites máximos da axuda indicados no parágrafo anterior. Deste xeito, os beneficiarios do programa non terán que abonar nada en concepto de renda neste período.

Funcionamento e requisitos

A axuda concédese por un período de 12 meses, prorrogables por outros dous períodos, tamén de 12 meses. Posteriormente poderá prorrogarse de forma extraordinarias por outros tres períodos de 12 meses cada un, polo que a duración máxima de percepción do Bono pode acadar os seis anos.

Ademais da axuda mensual concédese unha axuda única inicial de 600 euros, destinada a pagar os gastos de constitución do contrato de alugueiro ou dos contratos de subministros básicos para a vivenda (luz, auga, etc.).

O Bono de Alugueiro Social está dirixido a determinados colectivos con dificultades para afrontar o pago da súa vivenda, aos que na convocatoria de 2020 se sumaron dous novos, que son os seguintes:

• Mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento.
• Aquelas persoas que foran privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.

O resto de colectivos aos que vai dirixida esta axuda da Xunta son:

• Unidades familiares que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
• Vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.
• Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
• Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematasen o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos nove (9) meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social.
• As que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS lles finalizase a vixencia do seu contrato a partir da entrada en vigor desta orde.
• As que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos Do Programa de Vivendas Baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es