CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A provincia de Lugo lucirá este verán 27 distintivos azuis en praias, portos deportivos, sendeiros e centros de visitantes

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistiu esta mañá ao izado da bandeira na praia de Xilloi, que xa recibira este distintivo o ano pasado e convértese nunha das 18 praias lucenses galardoadas na tempada actual

Galicia mantén o segundo posto na clasificación nacional en canto a areais recoñecidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e é a comunidade distinguida cun maior número de sendeiros azuis (21)

O Vicedo (Lugo), 23 de xuño de 2020.- A provincia de Lugo lucirá este verán un total de 27 distintivos azuis, unha marca de carácter internacional que outorga cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) en recoñecemento ao esforzo realizado para o desenvolvemento sostible das zonas litorais. Así o lembrou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou en O Vicedo no izado da bandeira concedida á praia de Xilloi, un dos 18 areais lucenses que contarán co distintivo este ano.

En total, Galicia terá este verán 156 galardóns, un dato que a sitúa nunha das primeiras posicións da clasificación nacional. Así, unicamente Valencia supera as 107 bandeiras azuis outorgadas ás praias galegas (as mesmas que en 2019) e en canto a sendeiros azuis, a comunidade afiánzase no primeiro posto, acaparando o 30% dos estandartes outorgados en todo o país a este tipo de itinerarios sostibles.

De todas estas enseñas, 18 ondearán noutras tantas praias de Lugo, mentres que cinco destes distintivos concedéronse a sendeiros que enlazan areais ou portos con bandeira azul e que contribúen a un uso sostible da costa lucense, e tres aos centros de visitantes dos Concellos de Burela e Cervo polo seu labor a prol da educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e un ao Real Clube Deportivo de Ribadeo, o único porto deportivo desta provincia que accede a este recoñecemento nesta edición.

Neste sentido, a directora xeral aproveitou o acto para agradecer o traballo e a implicación dos alcaldes desta provincia para cumprir os estándares de calidade esixidos polo programa Bandeira Azul, que contribúe a poñer en valor os 2.091 quilómetros de perímetro costeiro insular e peninsular de Galicia, así como a conservación do seu patrimonio natural e as iniciativas de educación ambiental en marcha.

“As nosas praias, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis lucirán este verán estas distincións, orgullosas de reunir unha excepcional calidade ambiental que é recoñecida en todo o mundo”, destacou a directora xeral, para quen a posición que ocupa Galicia neste ranking é o resultado da cooperación entre o sector turístico e o ambiental a todos os niveis.

A bandeira azul, de feito, tense convertido nunha etiqueta e nun galardón ambiental universalmente coñecido e valorado por turistas e tour operadores. Deste modo, como explicou Belén do Campo, os usuarios e turistas que visitan os areais nos que ondea este estandarte saben que están a gozar dunha praia cunha excelente calidade das augas para o baño, con seguridade e certos servizos, accesible para todos e que se rexen por unha atinada e sustentable xestión ambiental.

Este ano, a maiores, a seguridade sanitaria tamén vai ser esencial, polo que a responsable de Patrimonio Natural lembrou a importancia de que se respecten nos areais as distancias e medidas de hixiene establecidas polas autoridades, ao tempo que fixo un recoñecemento ao labor dos concellos á hora de xestionar estes espazos naturais. “As administracións temos máis que nunca a misión de promover un turismo en condicións de total seguridade, tanto para os que nos visitan como para todos os galegos e galegas”, subliñou.

A continuación detállanse por concellos os areais e tamén os centros azuis localizados na provincia de Lugo que obtiveron bandeira azul na actual edición. En amarelo indícanse as praias que non a recibiran o ano pasado e que, por tanto, estrean distintivo:
 

PROVINCIA DE LUGO

Concello
Praia

Barreiros

Acantilado- Remior
Coto
Fontela- Valea
Burela
A Marosa
O Portelo
Ril
Cervo
O Torno
Foz
A Rapadoira
Areoura
As Polas
Llas
Peizás
O Vicedo
Abrela
Xilloi
Ribadeo
As Catedrais
Os Castros- Illas
Viveiro
Area
Xove
Esteiro
Total LU (concellos): 8
18 areais

Centros Azuis 2020

Lugo
Burela
Centro de Educación Medioambiental Gaia
Barco Museo Reina del Carmen
Cervo
Carpintería de Ribeira Francisco Fra

Sendeiros Azuis 2020

Concello
Nome do sendeiro
Burela
Sendeiro Azul Ruta do litoral burelés
Cervo
Sendeiro azul O Torno
Foz
Paseo Ruta das praias de Foz (NOVO)
O Vicedo

Sendeiro Praia da Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco)

Ribadeo
Ruta do Faro de Illa Pancha e As Aceas

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es