CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Asinado o convenio para a elaboración da primeira guía de boas prácticas de identificación e acondicionamento de miradoiros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director da Fundación Juana de Vega veñen de asinar telemáticamente o convenio de colaboración, autorizado polo Consello da Xunta este mesmo mes

Na guía indicaranse criterios ou recomendacións para a integración paisaxística, o mantemento e a sostibilidade, con exemplos de boas prácticas

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, veñen de asinar telematicamente o convenio de colaboración que permite a elaboración da Guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros.

Grazas a esta colaboración entre o Instituto de Estudos do Territorio -dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- e a Fundación Juana de Vega , autorizada este mesmo mes polo Consello da Xunta, Galicia disporá da primeira guía destas características, nas que queden reflectidos uns criterios básicos de aplicación na creación de novos miradoiros, así como boas prácticas e criterios para a integración paisaxística dos miradoiros ben sexan novos ou para actuacións de mellora dos existentes.

Os miradoiros son aqueles puntos de observación do territorio dende os cales se observan vistas panorámicas ou de singular interese ou representatividade e que dispoñen -en maior ou menor medida- de distintos elementos e infraestruturas como son os acceso, murais ou pantallas de información, mobiliario, elementos de protección, etc.

A importancia dos miradoiros vén dada polo desfrute da paisaxe, pero tamén pola posta en valor dos distintos valores paisaxísticos existentes nos ámbitos nos que se asentan, ben sexan naturais, culturais, estéticos ou incluso económicos. Moitos deles son elementos atraentes para a poboación e en moitos casos chegan a conformar a identidade dos territorios polas imaxes que nos proporcionan.

Así, esta guía dirixirase tanto á identificación e ao acondicionamento dos miradoiros xa existentes, como ao establecemento de criterios básicos de aplicación na creación de novos miradoiros, establecendo boas prácticas e criterios para a integración paisaxística dos miradoiros ben sexan novos ou preexistentes.

O contido estará organizado en tres partes: unha primeira parte introdutoria, na que se establecerá o concepto e valor dos miradoiros, o seu encaixe coa Estratexia da paisaxe galega, o Catálogo das paisaxes e outras guías ou recursos da Xunta de Galicia, así como a explicación do contido da guía.

A segunda parte procederá á identificación e fixaranse uns criterios tanto sobre os tipos de valores panorámicos que poden dar lugar á identificación dun novo miradoiro, como sobre a selección do lugar óptimo que conxugue a calidade das vistas e as mellores condicións para uns accesos e un acondicionamento integrados e respectuosos.

Finalmente a guía tamén incluirá unha serie de criterios e boas prácticas, organizados nos aspectos seguintes: accesos, sinalizacións, acondicionamento dos puntos dos miradoiros, elementos de información, elementos de seguridade, mobiliario, aparcamentos, xestión residuos, elementos de prevencións das vistas e prevención da contaminación luminosa. Neste sentido, ofreceranse criterios ou recomendacións para a integración paisaxística, o mantemento e sostibilidade acompañados cando sexa necesario de exemplos de boas prácticas, documentados mediante a información gráfica correspondente (mapas, planos, gráficos, fotografías).

O importe desta colaboración ten un valor de 46.000 euros, que serán asumidos polo Instituto de Estudo do Territorio e a Fundación Juana de Vega, entidades que achegarán 25.000 e 5.000 euros, respectivamente; aos que hai que engadir o valor dos anexos fotográficos, a cartografía, a información xeográfica e os exemplos a nivel de anteproxecto (traballos equivalentes á cantidade de 4.000,00 €), así como parte do persoal do IET.

O Goberno galego está a desenvolver a Estratexia da Paisaxe de Galicia (EPG), cara a posta en valor, protección e recuperación da paisaxe galega. Trátase dunha política transversal, co fin de desenvolver accións que acaden unha nova sensibilidade para construír a Galicia do futuro, a terra, o territorio e a paisaxe para deixar ás xeracións vindeiras.

Nese sentido, elaborou diferentes guías que serven como ferramentas para axudar á integración paisaxística de diversas actuacións, como:

- Guía de boas prácticas para intervención nos núcleos rurais
- Guía de criterios de sustentabilidade e integración paisaxística dos establecementos de acuicultura litoral
- Guía de boas prácticas para intervención nos sistemas praia-duna
- Guía para a elaboración de estudos de impacto e integración paisaxística.
- Guía de caracterización e integración paisaxística de valados
- Guía de cor e materiais de Galicia
- Guía para elaboración de estudos da paisaxe urbana
- Guía de Intervención en Espazos Públicos
- Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das actividades extractivas, que na actualidade está en tramitación.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es