CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente anima ás protectoras a colaborar e enriquecer o futuro regulamento da Lei de protección dos animais de compañía para seguir avanzando na prevención do abandono

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con algunhas das asociacións rexistradas como centros de recollida de mascotas para explicarlles que a Xunta traballa para completar o actual marco lexislativo e coñecer o impacto que tivo o coronavirus na xestión dos seus refuxios

O departamento autonómico subministrou preto de 19.000 kg de penso e 79 elementos de protección fronte á Covid-19 a un total de 13 entidades deste tipo
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de abrir a fase de consultas previas para a elaboración do regulamento da Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, un novo decreto chamado a desenvolver e concretar a normativa vixente desde xaneiro de 2018 co fin de seguir afondando na prevención do abandono e na loita contra o maltrato animal.

Así llo trasladou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez aos representantes dalgunhas das 15 asociacións de protección e defensa dos animais rexistradas na comunidade como centros de recollida autorizados cos que se reuniu para explicarlles os últimos pasos dados pola Xunta para completar o marco legal autonómico nesta materia, e coñecer á vez o impacto que a crise do coronavirus está a ter no funcionamento dos seus centros.

A este respecto, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que a semana pasada o Consello da Xunta autorizou someter a consultas públicas o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2017. Ata o vindeiro 10 de xullo, todas aquelas entidades ou persoas interesadas no benestar dos animais de compañía poderán facer as súas achegas, que serán tidas en conta durante a redacción do regulamento definitivo.

Precisamente, Vázquez Mejuto animou ás entidades do sector a participar nesta fase inicial da tramitación e facerlle chegar á Consellería as súas propostas para enriquecer un texto que, entre outros, recollerá aspectos tales como as mínimas atencións hixiénico-sanitarias que deben recibir os animais, as obrigas que pesan sobre os seus donos, os requisitos para o transporte de mascotas ou as condicións nas que se deben prestar os servizos de recollida e acollemento en caso de exemplares abandonados.

Pola súa parte, Beatriz Martín, representante do centro de acollida Gatocan, incidiu tras a reunión en que o Regulamento é necesario e imprescindible para achegar unha maior precisión e concreción dalgúns puntos da norma aos responsables de mascotas “dunha lei que é unha boa lei”. Tamén demandou medios para poder aplicar o contido da mesma e conseguir os obxectivo final desta normativa, como son evitar o maltrato e reducir o abono dos animais de compañía.

Tamén agradeceu a axuda e apoio trasladado por Ángeles Vázquez e do equipo da Conselleira que dirixe durante o confinamento, pois foi unha axuda material e moral acordarse das protectoras nun momento tan difícil para a sociedade, como o rexistrado coa pandemia da covid-19.

Axudas para alimentar a máis de 2.200 animais

Así mesmo, a conselleira interesouse pola situación actual dos centros de recollida xestionados por estas entidades en Galicia. Cómpre lembrar que tras a declaración do estado de alarma, o funcionamento destes establecementos quedou limitado á prestación dos coidados e da atención imprescindible aos animais que tiñan en acollemento, suspendéndose temporalmente as adopcións e tamén a celebración doutro tipo de actividades e eventos dos que este tipo de entidades obteñen boa parte dos seus ingresos.

Por este motivo e en previsión do impacto económico que as restricións impostas pola Covid-19 podían chegar a ter nas súas arcas, a Xunta aprobou unha axuda extraordinaria para cubrir as necesidades alimenticias deste tipo de centros de recollida. Así, repartíronse 17.718 kg de penso entre un total de 13 entidades (todas as que solicitaron a axuda), cantidade coa que se alimentou durante un mes a 2.229 animais.

Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente tamén colaborou con estes 13 centros subministrándolles un total de 79 elementos de protección individual fronte á Covid-19 para repartir entre empregados e voluntarios.

A conselleira Ángeles Vázquez enmarcou todas estas medidas no obxectivo da Xunta de facer de Galicia unha comunidade libre de abandono e que tivo o seu primeiro gran fito na aprobación da Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía.

Deste xeito, lembrou que desde a súa entrada en vigor rexistrouse un aumento do 37% do número de mascotas inscritas no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC) e tamén se referiu ás axudas que se veñen convocando anualmente desde 2017 para colaborar nos gastos municipais de esterilización cirúrxica e na identificación mediante microchip dos animais acollidos en centros autorizados.
 

Vídeo/s relacionados

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es