CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Un total de 21 empresas presentaron ofertas para a execución da conexión exterior de saneamento do parque empresarial de Morás

A obra permitirá recoller e transportar as augas residuais desde o polígono industrial localizado en Arteixo ata a arqueta de carga do sifón de Bens

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020.- Un total de 21 empresas presentaron ofertas para a execución das obras de conexión exterior de saneamento do parque empresarial de Morás (Arteixo) que foi licitada por Xestur Galicia o pasado 29 de xuño, cun investimento previsto de 6.463.161,49 euros e un prazo de execución de 16 meses.

O obxecto do proxecto é a construción das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono industrial de Morás ata a arqueta de carga do sifón de Bens, en A Coruña.

Así, construirase un sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no parque empresarial sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo. Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.

Cómpre lembrar que xunto coas obras de conexión exterior de saneamento, Xestur licitou o mesmo día o contrato para a urbanización da fase B do polígono de Morás por un importe de 11.319.644,51 euros e un prazo de execución de 12 meses, pero neste caso, o prazo de presentación de ofertas non termina ata comezos de agosto.

Estas dúas obras serán claves para o desenvolvemento futuro do parque arteixán, que aspira a converterse nun referente para toda a comarca coruñesa tanto pola súa localización estratéxica como pola dispoñibilidade de solo que ofrecerá unha vez concluídas todas as súas fases.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es