CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente mobilizou desde 2009 máis de 1,1 millóns de euros en actuacións para mellorar servizos e fixar poboación en Cualedro

A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Luciano Rivero visitaron esta mañá a contorna das cinco vivendas de mestres rehabilitadas grazas ás axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprobar o resultado dos traballos de urbanización e acondicionamento realizados na zona nos últimos meses

Tamén supervisaron os avances nas obras das piscinas descubertas iniciadas en xullo, unha actuación na que se investirán máis de 400.000 euros e que esperan que estea rematada a finais deste ano ou comezos do seguinte
 

  • A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Luciano Rivero visitaron esta mañá a contorna das cinco vivendas de mestres rehabilitadas grazas ás axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprobar o resultado dos traballos de urbanización e acondicionamento realizados na zona nos últimos meses
  • A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Luciano Rivero visitaron esta mañá a contorna das cinco vivendas de mestres rehabilitadas grazas ás axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprobar o resultado dos traballos de urbanización e acondicionamento realizados na zona nos últimos meses
  • A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Luciano Rivero visitaron esta mañá a contorna das cinco vivendas de mestres rehabilitadas grazas ás axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprobar o resultado dos traballos de urbanización e acondicionamento realizados na zona nos últimos meses
  • A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Luciano Rivero visitaron esta mañá a contorna das cinco vivendas de mestres rehabilitadas grazas ás axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprobar o resultado dos traballos de urbanización e acondicionamento realizados na zona nos últimos meses

Cualedro (Ourense), 29 de xullo de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizou desde o ano 2009 máis de 1,13 millóns de euros no Concello de Cualedro a través de diversas actuacións urbanísticas para mellorar servizos, infraestruturas e equipamentos públicos, rehabilitar inmobles para destinalos a vivendas e, en definitiva, contribuír a fixar poboación.

Así o subliñou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez, quen visitou a zona para comprobar o resultado e os avances das últimas obras cofinanciadas polo seu departamento neste municipio ourensán. Acompañada polo rexedor de Cualedro, Luciano Rivero, a responsable de Medio Ambiente achegouse en primeiro lugar ata a contorna das cinco vivendas de mestres que foran rehabilitadas o ano pasado grazas a unha liña de axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para concellos de menos de 20.000 habitantes.

Unha vez rematados os traballos nos inmobles, cun investimento por parte da Xunta de case 320.000 euros, o Concello presentou un proxecto para acondicionar o entorno destas vivendas ao abeiro do Plan Hurbe. Ángeles Vázquez explicou que en total a Xunta investiu 94.339 euros nestas obras de urbanización, que acaban de rematarse e incluíron a colocación de novas beirarrúas, a instalación de sistema de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais e a colocación de alumeado público.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente destinou entre o ano pasado e este máis de 413.000 euros a poñer a punto estas cinco vivendas -que en breve serán ocupadas polas familias adxudicatarias- e a humanizar o aspecto e os servizos do lugar onde se localizan, para o seu uso e desfrute por parte de toda a veciñanza.

Piscinas descubertas

Tamén no marco do Plan Hurbe, Ángeles Vázquez visitou as obras das novas piscinas descubertas de Cualedro. O investimento total comprometido para esta actuación supera os 400.000 euros –cofinanciados nun 70% pola Xunta- e os traballos, que comezaron a principios de xullo, avanzan a bo ritmo.

De feito, a conselleira adiantou que as novas instalacións municipais, que inclúen unha área de vestiarios, cafetería, enfermería, zona verde e aparcamento, estarán rematadas a finais deste ano ou comezos do que vén, poñendo así fin a unha “vella demanda veciñal” xa que, como lembrou, Cualedro é un dos poucos municipios da comarca sen este servizo.

Tras o seu percorrido polo concello, Vázquez Mejuto subliñou o importante esforzo investidor realizado pola súa Consellería en Cualedro nos últimos anos. Así, lembrou que ademais das dúas actuacións que visitou hoxe e das axudas para rehabilitar cinco vivendas municipais destinadas a alugueiro social, desde 2009 mobilizou a través do Plan Hurbe máis de 400.000 euros en tres obras: rehabilitación da contorna da igrexa, acondicionamento da praza da Xuntanza, e mellora do pavimento e dos servizos da rúa da Igrexa e adaptación do Toural da Feira.

Por este motivo, puxo ao Concello de Cualedro como exemplo de “entendemento entre administracións públicas”, unha colaboración que facilita poder ofrecer a nivel municipal un mellor e máis amplo abano de servizos públicos para a veciñanza e contribúe á vez a frear o despoboamento rural, mellorando a calidade de vida destas zonas.

Esa é, precisamente, a filosofía que inspirou o chamado Plan Hurbe, un programa de axudas posto en marcha pola Xunta en 2010 para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos; e o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos ao abeiro deste mesmo programa.

Con este tipo de intervencións, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades como parte da identidade da Comunidade autónoma, establecendo lazos de colaboración cos municipios en proxectos que buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es