CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente destinará case 115.000 euros a promover o turismo sostible e os valores naturais do complexo dunar de Corrubedo

A Consellería vén de adxudicar o servizo para o deseño e execución de campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e de educación ambiental relativos a este parque natural durante os vindeiros dous anos

O contrato está cofinanciado pola UE nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020
 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental no complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira) por un importe de 113.012,79 euros, IVE incluído.

A finalidade principal desta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia.

De feito, o contrato licitouse o pasado mes de marzo dividido en seis lotes: un por cada un dos seis parques naturais existentes en Galicia. Da prestación do servizo de promoción e divulgación dos valores do complexo dunar encargarase a empresa Conforma Forestal SL, que acaba de resultar adxudicataria do contrato por un período de 24 meses.

Entre as actividades que terá que desenvolver para acadar este obxectivo figuran campañas, actividades e obradoiros de educación, sensibilización e divulgación ambiental, conservación da natureza e Rede Natura 2000 que se impartirán fundamentalmente no Centro de Visitantes de Corrubedo, en Ribeira, coñecido como Casa da Costa, e no Punto de Información localizado no aparcamento das dunas.

Cómpre precisar que este tipo de instalacións, pertencentes á Xunta, están localizadas en lugares estratéxicos dos parques naturais e contan cun conxunto de equipamentos que responden ás necesidades do público que acode ao lugar en busca de información de interese sobre a zona e os seus valores, polo que resultan idóneos para albergar estas accións. En todo caso, a empresa responsable do servizo tamén poderá realizar algunhas das actividades previstas no contrato en colexios, institutos ou centros sociais localizados no propio concello no que se localiza o parque ou noutros puntos da comunidade.

Unha rede con máis de 40.000 hectáreas


A Rede de Parques Naturais de Galicia conta cunha extensión de 40.661,8 hectáreas e está integrada actualmente polos seguintes espazos protexidos: complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia Serra do Xurés; Invernadeiro; Serra da Enciña da Lastra; e As Fragas do Eume. Todos eles teñen en común que foron declarados no seu día parque natural, ademais de pertencer á Rede Natura 2000.

Os nove centros de visitantes e puntos de información dos parques galegos ofertan toda unha serie de actividades didácticas e interpretativas que se complementan con visitas e itinerarios, ás veces guiados, polo propio espazo natural. Con todo, segue detectándose certo descoñecemento entre a poboación tanto da Rede Natura 2000 como da rede galega de espazos protexidos en cuestións relativas á súa finalidade, aos beneficios que proporcionan aos cidadáns ou a como se pode contribuír á súa preservación.

Por iso e no exercicio das competencias que ten atribuídas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en materia de conservación, protección e promoción dos parques naturais, considerouse necesario licitar este servizo co obxectivo de aumentar o coñecemento da sociedade acerca do seu potencial para impulsar un turismo de natureza sostible e xerador de emprego e riqueza, dos beneficios ambientais que proporcionan e da súa importancia clave como recurso de desenvolvemento económico da poboación local, ao tempo que contribúen a xerar unha maior concienciación ambiental pola vía educativa.

Deste xeito, o resultado que se pretende acadar durante os dous anos de execución inicialmente previstos no contrato é triplo: mellorar o coñecemento dos parques naturais de Galicia e da súa Rede Natura 2000; enriquecer a oferta de uso público dos parques mediante a potenciación do seu atractivo turístico; acadar unha maior sensibilización ambiental da sociedade galega en xeral e dos visitantes destes espazos en particular, e incrementar o número de visitas aos parques naturais como mecanismo que contribúa tamén á reactivación económica das súas áreas de influencia.

A maior duna móbil do noroeste peninsular


Declarado parque natural en 1992, o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán conta cunha extensión de algo menos de 1.000 hectáreas de superficie. A súa extensa duna móbil (1 km de longo, 250 m ancho e 15 m alto) é a máis grande do noroeste peninsular e supón un dos maiores atractivos deste espazo natural, que conta ademais con dúas lagoas, ben distintas entre si: unha de auga doce (a de Vixán) e outra salobre que comunica co mar (Carregal).

Este parque destaca como un excelente exemplo de complexo lagoa-litoral en Galicia, conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico e alberga moitos tipos de hábitats nun espazo relativamente reducido. O conxunto xeolóxico de Corrubedo formouse hai 12.000 ou 15.000 anos, no Cuaternario.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es