CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente comunicará ao longo do mes os proxectos das entidades locais que recibirán axudas para a mellora da xestión de residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coñeceu esta mañá o funcionamento do punto limpo da Mancomunidade do Ribeiro, entidade que recibiu unha axuda da convocatoria de 2019 para a adquisición deste equipamento

Ángeles Vázquez traslada que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental está a analizar as 166 solicitudes presentadas implantar medidas para favorecer a prevención, adecuada xestión, así como actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos

Destaca as vantaxes de mancomunar servizos para os concellos, como este punto móbil, xa que ofrecen un servizo aos cidadáns, ao tempo que evitan a aparición de refugallos na contorna

Beade (Ourense), 11 de setembro de 2020-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez adiantou esta mañá que a finais deste mes se comunicarán a totalidade de axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de axudas á entidades locais para a xestión dos residuos. A conselleira de Medio Ambiente salientou, durante unha visita ao punto limpo móbil da Mancomunidade do Ribeiro en Beades, que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está a analizar as 166 solicitudes presentadas polas entidades locais, que se beneficiarán da convocatoria de axudas 2020-2021 dotada de 4,16 millóns de euros, é dicir, tres veces máis fondos que a anterior convocatoria.

A modo de exemplo, Vázquez Mejuto recordou que a Mancomunidade do Ribeiro foi unha das beneficiarias deste tipo de axudas, pois na convocatoria anterior recibiu 49.000 euros para a adquisición do punto móbil, que se puxo en funcionamento este verán e que da servizo a cinco concellos para recoller electrodomésticos, mobles e outros residuos de grandes dimensións ou que non se deben depositar nos contedores habituais.

Sinalou que mancomunar servizos ten vantaxes para os concellos, pois garanten un servizo aos veciños que en ocasións esixen dispoñer dun orzamento inasumible por parte dun só concello; ao tempo que evitan a aparición deste residuos na contorna.

Segundo explicou a conselleira, nas primeiras semanas de funcionamento houbo xornadas nas que se chegaron a recoller ata 5 toneladas de residuos; unha actividade que se viu prolongada nas seguintes semanas, acadando unha media de 40 toneladas ao mes. Grazas a este servizo, os veciños de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegadas e Leiro poden depositar residuos non convencionais como fluorescentes, pequenos electrodomésticos, pilas ou baterías, ademais de poder reforzar a recollida selectiva de outros materiais como os restos de poda.

Tamén indicou que este tipo de proxectos garanten unha correcta xestión de residuos xerados nos fogares desta área, contribuíndo a coidar o medio ambiente e a fomentar a correcta separación e a necesaria reciclaxe dos residuos que se xeran.

A conselleira recordou que a convocatoria ten dúas liña de incentivos, a primeira destinada a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, entre as que se inclúe a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora, ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos xa existentes, así como a posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos.

Lembrou que unha das novidades desta convocatoria foi a adquisición de vehículos para a recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, unha actuación dentro da segunda liña, a que aposta por financiar actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, como proxectos de fomento da compostaxe in situ ou a recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, a partir de contedores.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es