CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Case 37.000 escolares galegos recibiron formación ambiental desde a posta en marcha do programa ‘Recíclate con Sogama’

A iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta da Xunta, busca inculcar aos nenos boas prácticas en materia de prevención de residuos e fomentar a reciclaxe nas aulas

Técnicos da empresa pública realizan visitas periódicas aos centros participantes en cada edición para comprobar a evolución dos seus traballos e resolver dúbidas

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020.- Preto de 37.000 escolares de toda Galicia recibiron formación en materia ambiental da man do programa Recíclate con Sogama, unha iniciativa cun enfoque teórico e práctico que se incorporou ao Plan Proxecta da Xunta de Galicia hai xa oito anos.

O obxectivo principal do proxecto é inculcar nos nenos bos hábitos na prevención de residuos e reutilización de produtos, así como instaurar a reciclaxe nas aulas e concienciar á comunidade educativa sobre a correcta separación dos refugallos e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para ser transformados en novos materiais.

Para isto, a empresa pública autonómica proporciona aos centros educativos participantes - 25 por curso académico, maioritariamente de primaria- os medios necesarios para que poidan levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe coas máximas garantías. Así, entre o material subministrado cómpre subliñar as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde xenérico), así como composteiros, que se reparten naqueles colexios que dispoñen de servizo de comedor para que os restos orgánicos sexan valorizados e convertidos en compost, un abono natural de alta calidade a utilizar como fertilizante nas hortas e xardíns escolares.

Así mesmo, Sogama encárgase de proporcionar todo o material didáctico necesario (folletos, presentacións, vídeos, etc), reforzado con outro de carácter lúdico, tanto a través de xogos presenciais como online adaptados a cada tramo de idade, co fin de traballar a estratexia dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

A formación presencial a cargo de técnicos de Sogama tamén foi unha tónica habitual ao longo das distintas edicións, véndose complementada con visitas periódicas aos colexios para comprobar a evolución dos proxectos e solventar posibles dúbidas.

De igual xeito, Sogama veu convocando premios específicos para motivar ao alumnado a traballar con máis intensidade na reutilización e reciclaxe a través da elaboración de obras de arte a partir de materiais de refugallo.

Finalmente, o labor desenvolvido por cada centro plásmase nunha memoria que debe presentarse a final de curso para ser cualificada a través da aplicación do Plan Proxecta.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es