CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Xunta e Goberno acordan establecer canais de colaboración e diálogo directo para o seguimento das ocupacións ilegais de vivendas en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda brindou este marco de colaboración institucional ao delegado do Goberno, para unir esforzos e frear entre todos esta problemática

Ángeles Vázquez aposta por emprender as reformas lexislativas necesarias, para achegar unha solución eficaz e duradeira para dar seguridade xurídica aos propietarios e acabar coa sensación de impunidade

Recorda que a Xunta vén de propoñer a posta en marcha dun teléfono de atención ao cidadán específico, para brindar asesoramento legal aos afectados, e un Mapa de vivendas ocupadas, para dispoñer de datos reais do problema das ocupacións

A Coruña, 13 de outubro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, propuxo esta mañá ao Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a creación dunha Comisión Bilateral Xunta e Goberno central para abordar e facer un seguimento das ocupacións ilegais de vivendas que se rexistren na Comunidade galega, co fin de establecer canais de colaboración directa e diálogo permanente entre ambas administracións.

A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión de traballo co delegado do Goberno, ao que lle expuxo a preocupación da Administración autonómica ante esta problemática que “xera inquedanza social non só polos números, senón pola compoñente social que hai detrás de cada ocupación ilegal dunha vivenda”. Tal e como lle trasladou a conselleira, “estamos ante un problema cualitativo máis que cuantitativo”; porque preocupan as persoas que están detrás de cada número e as consecuencias que implican no seu día.

Nese sentido, Vázquez Mejuto apostou por unir esforzos entre todas as partes e frear esta problemática; polo que a constitución dunha comisión bilateral é un foro no que formular propostas e no que abordar unha maneira de afrontar as reformas lexislativas que poñan fin a este fenómeno ou que free o seu avance; mantendo como máximas o diálogo e o consenso en defensa da protección e dos intereses dos galegos.

Recordou que é preciso que o Goberno do Estado se involucre e impulse, dado que é a administración con competencias, as reformas lexislativas necesarias que axuden a afrontar esta situación do xeito máis efectivo posible; co fin de artellar unha solución eficaz e duradeira, que garante seguridade xurídica para os propietarios e poñendo fin á sensación de impunidade que xeran estas situacións.

Durante o encontro, a conselleira tamén lle trasladou ao delegado do Goberno que a Xunta está xa tomando medidas, dentro das limitadas competencias, e así propuxo ao Observatorio da Vivenda dúas medidas para poñer en marcha, como un teléfono específico de atención ao cidadán para ofrecer información e asesoramento legal aos propietarios que se vexan prexudicados pola ocupación das súas vivendas; e a realización dun Mapa de vivendas ocupadas e Galicia, que permita ter datos reais deste problema.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es