CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras para conectar á liña de alta tensión a subestación eléctrica que dará servizo ao parque da Sionlla

Cun investimento de 474.351,71 euros, esta actuación permitirá subministrar enerxía á subestación de Formarís, actualmente en construción

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2020-. A Xunta de Galicia investirá preto de medio millón de euros nas obras destinadas a subministrar enerxía á subestación eléctrica de Formarís, que se está a construír para dar servizo ao parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela.

O Consello de Administración da empresa pública Xestur, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de autorizar a licitación desta obra por un importe de 474.351,71 euros.

En concreto, os traballos previstos consistirán na execución dunha liña de entrada e outra de saída á subestación, que desta maneira quedará conectada coa liña de alta tensión Finsa-Sigüeiro. As liñas de entrada e de saída estarán soterradas en parte do seu trazado e conectarán coa alta tensión a ambos lados do orbital.

Actualmente están en execución as obras de construción da subestación eléctrica de Formarís, cun investimento por parte de Xestur de 2,5 millóns de euros e que reforzará o actual subministro eléctrico ao parque da Sionlla, garantindo o mesmo para as empresas que se instalen nesta área industrial no futuro.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es