CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A obra de ampliación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo estará rematada antes de final de ano

A Xunta de Galicia adxudicou por 174.712,21 euros, IVE incluído, o contrato desta actuación, cofinanciada nun 80% polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020.- As obras de reforma e ampliación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), están xa moi avanzadas e prevese a súa finalización para antes de que remate o ano, previsiblemente no mes de novembro.

Esta actuación foi adxudicada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á empresa Arines Obras y Proyectos SL por un importe de 174.712,21 euros, IVE incluído, e está cofinanciada nun 80% polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As obras que se están a realizar consisten na construción dun túnel de voo para facilitar a práctica das aves recuperadas, previamente á súa solta no medio natural, e unha instalación con piscinas e zona de baño para a recuperación de aves acuáticas. Concretamente, disporá dun estanque e seis piscinas máis reducidas con divisións móbiles entre elas, de maneira que poidan xuntarse dúas. Terá o perímetro valado e unha cubrición con tela metálica para evitar a fuga dos animais.

Tendo en conta os rexistros de entradas de animais en Carballedo, a gran maioría (preto do 90%) son aves e entre elas, predominan as aves rapaces e acuáticas, polo que se estimou necesario reforzar as actuais instalacións mellorando as dotacións dirixidas a garantir a rehabilitación deste tipo de especies animais.

Cómpre lembrar, ademais, que esta actuación é complementaria e servirá para dar continuidade aos traballos executados no centro nunha primeira fase, que rematou a finais do ano 2018 e na que a Xunta investiu preto de 500.000 euros. No marco daquela reforma, levouse a cabo a adecuación dun edificio que xa existía para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria; así como a construción dun novo inmoble destinado á recuperación dos exemplares tratados e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.

Coas melloras e os traballos de ampliación acometidos nas instalacións de Carballedo dáse un paso máis para o fomento da conservación e da recuperación das especies de fauna silvestre na provincia de Pontevedra. De feito, converterase nun centro de recuperación de fauna silvestre punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados, e un deseño funcional que incorpora melloras nas condicións de aloxamento e nos medios específicos para a recuperación dos animais tratados.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es