CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta salienta que aumentar a protección do lobo como propón o Ministerio rompe o equilibrio entre a súa conservación e o mantemento das razas autóctonas en extensivo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con representantes das entidades de Razas autóctonas de Galicia, para trasladarlles a postura da Xunta fronte á proposta do Estado de incluír o lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe)

Recorda que desde hai máis dunha década o lobo conta cun plan de xestión que garante a viabilidade desta especie en Galicia, compatibilizando a súa existencia coa actividade gandeira
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez salientou hoxe que unha maior protección do lobo, como defende o Goberno estatal, implica romper o actual equilibrio entre a conservación desta especie e o mantemento das razas autóctonas en extensivo.

Ángeles Vázquez trasladou esta reflexión aos membros e representantes das asociacións e entidades de Razas Autóctonas de Galicia, para informalos da postura que defende a Xunta de Galicia ante a proposta que abandeira o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que se resume en incluír o lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespe).

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que desde hai unha década Galicia conta cun Plan de xestión do lobo, co que se garante a viabilidade da especie, é dicir, mantense a poboación estable ao tempo que se compatibiliza -a súa existencia- coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións.

Explicou que esta non se trata dunha postura illada e individual de Galicia, senón que é acorde e común ás catro rexións ao norte do Río Douro; xa que os intereses de Asturias, Cantabria e Castela e León -xunto cos de Galicia- veranse directamente afectados de saír adiante esta proposta, pois nestas rexións rexístranse importantes poboacións desta especie asentadas no territorio e, por tanto, son as que sofren as maiores consecuencias sobre o sector gandeiro dos ataques puntuais destes animais.

Recordou que no caso de que prospere a iniciativa do Ministerio isto implicaría de entrada a prohibición xenérica da súa caza, ao non considerase unha especie susceptible de aproveitamento cinexético en determinados supostos; dito doutro xeito, só se podería autorizar excepcionalmente a captura dalgún exemplar baixo criterios moito máis estritos que na actualidade. Esta situación convértese nunha limitación que poría moito máis difícil recorrer a accións cinexéticas puntuais cando estes animais ameacen os intereses gandeiros.

Asemade, destacou que a decisión do departamento que preside Teresa Ribera é totalmente contraria ao obxectivo da Xunta, compatibilizar a existencia coa viabilidade das explotacións, e ás políticas defendidas polo Goberno galego, establecendo medias preventivas e de compensación por danos provocados por esta especie.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es