CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta financiará con preto de 50.000 euros a mellora do sistema de tratamento de augas no concello de Rubiá

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde Elías Rodríguez asinaron hoxe un convenio de colaboración en virtude do cal o departamento galego compromete esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000 habitantes

Desde a creación deste programa, en 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns de euros en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de entidades locais

Ao abeiro da convocatoria deste ano, estanse a tramitar novas solicitudes municipais de financiamento por un importe total de 2,2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará a través de préstamos sen xuros un total de 48.000 euros ao Concello de Rubiá (Ourense) co obxecto de financiar a actuación de mellora do sistema de tratamento de auga potable no municipio.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Elías Rodríguez asinaron hoxe telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio ourensán ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, o Concello de Rubiá poderá dispoñer de 48.000 euros para instalar un sistema de filtración no depósito de Lago, unha contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

A obra ten por obxecto eliminar a turbidez da auga que se produce en determinadas épocas do ano. Para conseguilo, executarase unha caseta independente ao depósito para a instalación do sistema de filtrado, así como os equipos complementarios (valvulería, precloración e sistema de lavado) e a relocalización dos equipos de dosificación e almacenamento de hipoclorito existentes.

Dotación inicial de 10 millóns para o fondo

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros.

Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo de Cooperación realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluída a actuación comprometida hoxe co Concello de Rubiá.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es