CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

As obras de humanización de espazos públicos no núcleo rural de Armea en Coirós comezarán este mesmo mes

A actuación foi adxudicada por un importe de case 70.000 euros e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e polo concello

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020.- A Consellería de Medio, Territorio e Vivenda vén de ratificar a firma do contrato polo que se adxudica a obra de humanización de espazos públicos no núcleo rural histórico-tradicional e común de Armea, no concello coruñés de Coirós; polo que os traballos poderán comezar este mesmo mes, despois de que a empresa adxudicataria asinara a acta de replanteo.

A actuación, que foi adxudicada por un importe de case 70.000 euros e está confinanciada pola Xunta de Galicia e o Concello, está enmarcada no chamado Plan hUrbe para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Con esta obra preténdese poñer en valor o lugar de Armea, un núcleo rural histórico-tradicional e común que se caracteriza pola súa singularidade, co fin de potenciar estes lugares, entendidos como auténticos elementos singulares que merecen ser conservados e mantidos ao longo do tempo.

Concretamente, as obras previstas no proxecto prevén a humanización e mellora urbana dos viarios e espazos públicos desta zona, incluíndo unha completa intervención en materia de seguridade viaria para aumentar as zonas destinadas aos viandantes, a accesibilidade para peóns e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Tamén se acometerán melloras que redunden nun mellor uso destes espazos públicos por parte dos veciños.

Grazas a estes traballos búscase mellorar e humanizar a contorna histórica e tradicional do núcleo de Armea, e tamén reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade de todo o conxunto.

Actuacións do Plan hUrbe

Cómpre lembrar que con este tipo de intervencións dáse cumprimento ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable en toda a comunidade e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.

No marco do Plan hUrbe, durante o período 2010-2018 executáronse un total de 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se interveu en case o 40% dos municipios galegos. Dende o ano 2010 e ata a data, téñense executado ou están comprometidas 317 actuacións urbanísticas en concellos galegos, actuacións coas que se mobilizan case 150 millóns de euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es