CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta decide someter a avaliación ambiental ordinaria a modificación do Plan parcial do polígono de Ribadavia

O informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático conclúe que cómpre avaliar con máis detalle os efectos que sobre o medio poderían derivarse do planeamento proposto

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someterá ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria a modificación puntual número tres do Plan parcial do parque empresarial de Ribadavia, en Ourense.

Así se conclúe no informe ambiental estratéxico que acaba de emitir ao respecto a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC), que considera necesario avaliar máis en detalle os efectos sobre o medio que poden derivarse do planeamento proposto, co fin de establecer unha ordenación e determinacións coherentes que integren as medidas preventivas e correctoras necesarias.

Cómpre subliñar que este parque empresarial está emprazado nunha área ambientalmente sensible da veiga do río Avia, unha zona inundable e protexida no Plan hidrolóxico do Miño-Sil (PHMS).

Por esta razón, solicitouse informe á Confederación hidrográfica da conca, que indicou que se debe garantir a suficiencia do abastecemento e do saneamento. Ademais, ao localizarse o polígono en zona inundable, débese atender tamén ás limitacións de usos que establece o PHMS e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico.

Tras emitir o informe ambiental estratéxico (IAE) e o documento de alcance correspondentes á modificación do plan parcial, a DXCASCC acordou pasar o expediente ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria polo que continuará por esta vía coa súa tramitación.

Unha área empresarial promovida polo IGVS

O parque empresarial de Ribadavia foi promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no ano 1998, establecendo para o seu desenvolvemento tres fases de execución. Na actualidade falta por executar a fase tres.

En xuño do ano pasado o Concello de Ribadavia mais o IGVS asinaron un convenio para adaptar o Plan parcial aprobado en 1998 ás novas determinacións normativas e ás esixencias actuais en materia de protección do medio ambiente. Con esta modificación puntual do plan parcial preténdese dar cumprimento ao devandito convenio.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es