CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente triplica o importe de 2021 ás axudas para o fomento da protección animal, ata os 440.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá as instalacións do Centro de recollida de animais de Bamio en Vilagarcía, unha das protectoras máis antigas de Galicia inscrita no Rexistro de entidades de protección animal desde 1998

Salienta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a rematar coa tramitación administrativa interna que permita publicar a convocatoria das axudas para o ano 2021 no vindeiro mes de marzo

Ángeles Vázquez lembra que esta orde de incentivos establece tres liñas diferentes: a compra de pensos, o microchipado e esterilización de animais e a compra de equipamentos para os centros e a realización de campañas de sensibilización

Recorda que Galicia é unha das rexións europeas máis avanzadas en materia lexislativa grazas a Lei de protección e benestar os animais de compañía, cuxa efectividade se visualiza no incremento dun 25% dos animais inscritos no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac)

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de febreiro de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou esta mañá que o departamento triplicou por tres o importe de 2021 dedicado ás axudas para o fomento das accións de protección animal. A convocatoria do actual exercicio sairá publicada por un importe global de 440.000 euros, fronte aos 125.000 euros dispostos no anterior exercicio.

Así o recordou durante unha visita ao Centro de recollida de animais do Concello de Vilagarcía, ubicado na parroquia de Bamio; unha das protectoras máis antigas de Galicia inscrita no Rexistro de entidades de protección animal desde 1998, que se dedica á recollida de animais en situación de abandono, desamparo ou maltrato. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, tamén asistiu á visita.

Ángeles Vázquez salientou que con estas axudas o Goberno galego quere apoiar o traballo das asociacións destas entidades, que se preocupan por darlle unha nova vida e unha segunda oportunidades aos animais de compañía.

Indicou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está ultimando a tramitación administrativa interna que permita publicar no mes de marzo, no Diario Oficial de Galicia, a convocatoria das axudas para o ano 2021 e que recolle como novidade unha liña específica –dotada de 275.000 euros- para a compra de pensos para os animais que se atopan aloxados nun centros de acollida autorizado.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que se apostou por esta liña de actuación, despois de que as consecuencias da Covid-19 –e o estado de alarma- agudizaran as dificultades ás que se enfrontan estes centros, pois durante a pandemia minguou a súa capacidade de xerar ingresos e provocou estadías máis prolongadas nas instalacións dos animais ingresados. Nese sentido, recordou que a Consellería tramitou con carácter de urxencia o subministro de alimentos cos que se garantiu a manutención de case 2.300 cans e gatos abandonados de 13 entidades.

A orde de axudas de 2021 tamén prevé 125.000 euros para o microchipado e esterilización dos animais aloxados nos centros de recollida e os das colonias felinas e 40.000 euros para a compra de equipamentos nos centros de recollida de animais abandonados e a realización de campañas de sensibilización por parte das asociacións protectoras.

A conselleira de Medio Ambiente argumentou que Galicia é unha das rexións europeas máis avanzadas en canto á normativa en materia de protección animal, grazas á Lei de protección e benestar dos animais de compañía, que entrou en vigor no ano 2018. Esta normativa baséase en dous piares fundamentais: non ao maltrato animal en calquera das súas manifestacións e o abandono cero, promocionando a adopción dos animais abandonados nos centros de recollida e sancionando con importantes multas o abandono dos mesmos.

Explicou que unha mostra da efectividade desta lei é o número de inscricións rexistradas no o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac), que se incrementou nun 25%, ao pasar dos 496.651 animais rexistrados a finais do 2017 –antes da entrada en vigor da Lei- aos 652.735 actuais; é dicir, rexistráronse un total de 156.084 novas altas no Regiac en tres anos de vixencia da Lei.

Por último, engadiu que a Xunta seguirá a traballar para conseguir que Galicia sexa unha comunidade libre de abandonos e para potenciar a adopción dos animais abandonados, así como loitar contra os malos tratos físicos e psíquicos. Unha traballo que debe ir da man das entidades, como a de Vilagarcía, co fin de acadar obxectivos claves na protección e defensa destes animais, defendeu a conselleira.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es