CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta saca á venda máis de 857.000 metros cadrados de solo empresarial urbanizado con bonificacións de ata o 50 por cento

Hoxe sae publicado o concurso coa oferta de parcelas dispoñibles nos parques propiedade de Xestur, á que se sumará tamén en breve a oferta do IGVS

Desde a posta en marcha das bonificacións en 2015 adxudicáronse preto de 2,2 millóns de metros cadrados en réxime de compravenda ou dereito de superficie

As empresas que mercaron solo nestes seis anos beneficiáronse de bonificacións por importe de máis de 64,3 millóns e o valor do solo adxudicado en dereito de superficie, cun canon anual moi reducido, supera os 13,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia pon a disposición das empresas galegas ou daquelas interesadas en asentarse na Comunidade 857.085,86 metros cadrados de solo empresarial con prezo de venda bonificado nun 50% ou nun 30%, segundo a zona onde se emprace o parque. Hoxe mesmo sae publicado o anuncio do concurso coa oferta de solo de Xestur para 2021, despois de que o Consello de Administración do organismo público acordase o pasado venres a súa convocatoria para vender ou adxudicar en dereito de superficie 280 parcelas dispoñibles en 17 concellos.

O solo poderá adxudicarse en compravenda, con bonificacións sobre o prezo de venda do 50% nos parques das provincias de Lugo e Ourense, de Ferrolterra, da Costa da Morte e naqueles situados preto da fronteira portuguesa; e do 30% no resto. Na convocatoria deste ano, preto do 40% do solo que ofrece Xestur será bonificado co 50 por cento do prezo.

As empresas interesadas en presentar ofertas ao concurso poderán facelo a partir de mañá, 23 de febreiro, e ata o vindeiro 23 de marzo.

En 2021 o concurso de solo de Xestur inclúe novidades para adaptarse ás especiais condicións que vive o país como consecuencia da pandemia da Covid-19. Desta maneira, as empresas ás que se adxudique solo na modalidade de compravenda poderán solicitar unha prórroga para proceder á escrituración do solo adxudicado. En concursos anteriores o prazo era de só un mes dende a adxudicación.

Polo que respecta aos adxudicatarios de solo en dereito de superficie (unha modalidade que permite acceder ao solo a cambio dun canon anual moi reducido e con opción de compra) terán a posibilidade de solicitar tres anos de carencia para o pagamento do canon, o que supón un notable incremento do prazo respecto aos 12 meses de carencia que podían solicitar en anos anteriores. O canon correspondente ao período de carencia será prorrateado nas oito anualidades seguintes.

Por outra parte, os adxudicatarios en réxime de dereito de superficie que o desexen poderán adquirir as parcelas con bonificación ata o oitavo ano despois da adxudicación, o que supón dous anos máis que ata o de agora. Ademais, no caso de que finalmente adquiran a parcela, descontarase o 40% do pagado en concepto de canon se a adquisición se realiza nos 12 anos posteriores á adxudicación, cando ata o de agora ese prazo era de sete anos.

Tamén se incrementan os requisitos que deben cumprir os adxudicatarios para garantir o cumprimento dos obxectivos das bonificacións, que son a creación de riqueza e emprego. Así, as empresas adxudicatarias seguirán obrigadas a construír as súas instalacións e obter licenza de actividade no prazo máximo de tres anos desde a formalización da adxudicación en escritura pública, pero estarán obrigadas a manter a actividade durante un período mínimo de dez anos, que se incrementa ata 12 se a parcela se adquire co obxectivo de ofrecer naves en réxime de alugueiro a outras empresas.

O solo que ofrece Xestur no concurso de venda e adxudicación en dereito de superficie é:

 

ACTUACIÓN
NÚMERO DE PARCELAS
SUPERFICIE TOTAL (m2)
PREZO BASE SEN BONIFICACIÓN €
PREZO PARCELA CON BONIFICACIÓN MÁXIMA €

PREZO MEDIO BONIFICADO €/m2

Arzúa

1

 2.011,00  

120.660,00  
84.462,00  
42

Arteixo (Morás)

34
125.192,00  
20.552.342,40  
14.386.639,68  
114,92

Carballo (Bértoa)

18
70.916,00  
5.141.462,52  
2.570.731,31  
36,25

Cedeira

36
38.677,00  
2.674.571,25  
1.337.285,77  
34,58

Negreira

2
5.747,00  
396.543,00  
277.580,10  
48,3

Ortigueira

43
50.748,00  
2.881.104,00  
1.440.552,00  
28,39

Santiago (A Sionlla)

56
242.930,50  
33.701.112,50  
23.590.778,75  
97,11
Provincia da CORUÑA
190
536.221,50  
65.467.795,67  
43.688.029,61  
81,47

Cervo

15
27.843,37  
1.309.025,85  
654.512,94  
23,51

Lugo (As Gándaras)

6
54.837,00  
5.209.515,00  
2.604.757,50  
47,5

Viveiro

12
35.689,46  
2.601.706,35  
1.300.853,21  
36,45
Provincia de LUGO
33
118.369,83  
9.120.247,20  
4.560.123,65  
38,52

Pereiro de Aguiar

1
1.461,00  
116.880,00  
58.440,00  
40

Vilamarín

12
18.721,39  
1.244.117,11  
622.058,57  
33,23
Provincia de OURENSE
13
20.182,39  
1.360.997,11  
680.498,57  
33,72

Arbo

19
21.964,20  
1.519.912,00  
759.956,00  
34,6

Lalín

2
6.523,00  
607.150,00  
425.005,00  
65,15

Mos

6
29.878,00  
4.680.756,00  
3.276.529,20  
109,66

Ponte Caldelas (A Reigosa)

13
110.972,28  
10.479.241,90  
7.335.469,36  
66,1

Silleda

4
12.974,66  
1.137.737,05  
672.657,64  
51,84

Provincia de PONTEVEDRA

44
182.312,14  
18.424.796,95  
12.469.617,20  
68,40
TOTAL GALICIA
280
857.085,86  

94.373.836,93  

61.398.269,03  

71,64

Política de incentivos desde 2015

Desde que no ano 2015 a Xunta de Galicia estableceu unha política de bonificación do prezo do solo empresarial da súa propiedade, co obxectivo de facilitar o acceso ao mesmo por parte dos interesados en asentarse nun parque empresarial galego ou ampliar as súas instalacións xa existentes, adxudicáronse xa preto de 2,2 millóns de metros cadrados a 443 empresas con bonificacións por importe de máis de 64,3 millóns de euros. Deste xeito, o Goberno galego converteuse na única administración pública que ofrece bonificacións de ata o 50% no prezo do solo empresarial da súa propiedade.

O resultado final destas rebaixas no prezo de venda de superficie industrial é o fomento da actividade empresarial e a creación de riqueza e postos de traballo, ao tempo que tamén se incide de maneira positiva na ordenación do territorio incentivando ás empresas a asentarse en espazos especificamente creados para elas ou a trasladarse aos parques empresariais desde emprazamentos pouco axeitados para a súa actividade.

Cómpre lembrar tamén que a partir de 2016 ofreceuse ademais a posibilidade de adxudicar solo en forma de dereito de superficie, cun canon anual moi reducido por metro cadrado. O valor do solo adxudicado desde entón nesta modalidade supera os 13,5 millóns de euros.

O investimento directo en edificacións e instalacións por parte das empresas adxudicatarias de solo empresarial da Xunta de Galicia estímase que ascende a 540 millóns de euros, tendo en conta os datos que constan nas memorias aportadas polos compradores de parcelas, a ocupación media de parcelas e o custo medio de edificación das naves. Así mesmo, os postos de traballo creados estímanse nuns 5.400.

Máis solo a través do IGVS e dos parques en urbanización

Cómpre lembrar que a Xunta aínda ofrecerá máis solo empresarial bonificado unha vez se convoque o concurso de venda ou adxudicación en dereito de superficie do solo propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e se saque tamén a concurso o solo que está nestes momentos en proceso de urbanización, como é o caso das ampliacións dos parques das Gándaras (Lugo), de Xinzo de Limia e doutras localidades.

En total, ao longo de 2021 o Goberno galego ten previsto ofrecer ás empresas máis de 1,4 millóns de metros cadrados de solo empresarial bonificado repartidos en 545 parcelas e nun total de 38 concellos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es