CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta aposta por seguir investindo na revitalización do patrimonio natural e consolidar o turismo sostible en Galicia

“Seguiremos mellorando e impulsando ese turismo de natureza do cal Galicia é tan rica e que, polo tanto, os galegos temos que coñecer; porque se o coñecemos, preservarémolo, coidarémolo e mimarémolo”, salienta Ángeles Vázquez

Agradece a responsabilidade dos visitantes para garantir que a campaña de Semana Santa se estea a desenvolver sen incidencias, ao tempo que incide na importancia do labor realizado polos operativos e axentes medioambientais
 

  • Ángeles Vázquez, na visita á praia das Catedrais
  • Ángeles Vázquez, na visita á praia das Catedrais
  • Ángeles Vázquez, na visita á praia das Catedrais

Ribadeo (Lugo), 5 de abril de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou hoxe por seguir destinando investimentos á revitalización do patrimonio natural e que ao tempo se siga a consolidar un turismo "sostible e de calidade” en Galicia, tal e como ocorreu esta Semana Santa. “Seguiremos mellorando e impulsando ese turismo de natureza do cal Galicia é tan rica e que, polo tanto, os galegos temos que coñecer; porque se o coñecemos, preservarémolo, coidarémolo e mimarémolo”, salientou.

Coincidindo co último día, ata o próximo período, no que será necesaria autorización da Xunta para poder acceder ao Monumento natural praia das Catedrais, a conselleira estivo hoxe na zona para facer un balance sobre a afluencia rexistrada nos últimos 10 días e poñer en valor o esforzo realizado polo seu departamento co fin de protexer e revitalizar o patrimonio natural galego, tendo en conta tamén o seu gran valor como reclamo turístico.

Neste sentido, puxo como exemplo o areal de Ribadeo, un espazo no que o seu departamento investiu máis de 1,35 millóns de euros desde 2015 e que este ano se consolida como unha boa alternativa de ocio para aquelas persoas que buscan realizar actividades en espazos abertos e de forma segura.
Desde o pasado 27 de marzo, indicou que preto de 6.000 persoas solicitaron a través da web habilitada pola Xunta o permiso necesario para visitar o monumento e explicou que, a raíz da aprobación do Plan de conservación das Catedrais en 2015, a Semana Santa é unha das épocas do ano nas que as visitas á zona quedan restrinxidas a 4.812 persoas ao día.

Os datos de afluencia ata hoxe, aínda provisionais, indican un descenso con respecto ao mesmo período de 2019, último ano de referencia, xa que cómpre lembrar que en 2020 non se concederon autorizacións debido ás restricións impostas pola covid.

En todo caso, a conselleira indicou que se trata dun dato que hai que enmarcalo nun contexto “atípico” como o actual e que provocou en todo o mundo unha caída drástica e xeneralizada dos fluxos turísticos.

Co fin de controlar o acceso ao monumento natural e facilitar información e axuda ás persoas que o visitaron durante esta Semana Santa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda activou sobre o terreo, durante os últimos 10 días, un dispositivo especial integrado por 7 traballadores. Encargáronse da comprobación in situ das autorizacións de acceso, do control da zona de aparcamento e do tránsito de vehículos, e da realización de visitas guiadas gratuítas polo monumento natural. Así mesmo, un axente medioambiental tamén estivo pola zona, coincidindo sobre todo coas horas de baixamar, nas que adoita concentrarse a maior afluencia de xente na praia.

Balance da Semana Santa en Illas Atlánticas

En canto ao balance provisional de visitantes no Parque Nacional das Illas Atlánticas, outro dos destinos máis demandados en Galicia durante a Semana Santa, entre os catro arquipélagos recibiron un total de preto de 6.000 persoas no período comprendido entre o venres 26 de marzo e o domingo 4 de abril. Neste reconto inclúense tanto os viaxeiros que accederon en barco a través do transporte regular, como os que o fixeron en embarcacións privadas ou con permisos de mergullo.

A modo de conclusión, a conselleira agradeceu o comportamento e a responsabilidade dos visitantes para garantir que a campaña de Semana Santa deste ano se estea a desenvolver sen incidencias, ao tempo que incidiu na importancia do labor realizado por todos os integrantes dos diferentes operativos e tamén polos axentes medioambientais, que reforzaron a información recollida nos carteis instalados para advertir aos visitantes dos riscos existentes, así como das sancións que poden impoñer en caso de detectar algún comportamento imprudente.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es