CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

As axudas ao alugueiro para minimizar o impacto da covid poderán solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro

O DOG publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria para 2021 deste programa, creado o ano pasado e que estará dotado para este exercicio de 2 M€

As persoas que resulten beneficiarias recibirán unha subvención de ata 500 € mensuais durante un máximo de seis meses consecutivos

Tendo en conta a experiencia adquirida o ano pasado e a complexidade desta liña de axudas, introdúcense unha serie de cambios co fin de facilitar aos cidadáns o proceso de presentación das solicitudes e axilizar a súa tramitación administrativa

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021.- As axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da covid sobre os alugueiros de vivenda habitual poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 30 de setembro.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para 2021 este programa de subvencións, posto en marcha o pasado exercicio, precisamente, en resposta ás dificultades transitorias de moitas familias e colectivos para poder asumir o pago, parcial ou total, dos seus arrendamentos.

Tendo en conta a persistencia das situacións de vulnerabilidade derivadas da pandemia, este ano daráselle continuidade á liña de axudas ao alugueiro pola covid, dotada dun orzamento inicial de 2 millóns de euros.

Cómpre lembrar que, grazas a este programa, o Instituto Galego da Vivenda e Solo concedeu o ano pasado en Galicia máis dun milleiro de axudas a persoas que viron como se reducían de forma substancial os seus ingresos familiares a consecuencia da pandemia.

Para poder beneficiarse da convocatoria de 2021, os solicitantes deberán ser titulares dun contrato de alugueiro sobre a súa vivenda habitual e permanente cunha duración mínima dun ano e acreditar que se atopan en situación de vulnerabilidade económica.

A estes efectos, considerarase que cumpren os requisitos as persoas que estean en desemprego, ERTE ou redución de xornada laboral como consecuencia da covid e isto lles supuxera unha merma substancial de recursos. Tamén poderán optar a estas axudas aquelas unidades familiares cuxos ingresos non superen, con carácter xeral, o límite de tres veces o IPREM, ou que teñan unha renda de alugueiro e uns gastos por subministros básicos superiores ou iguais ao 35% dos ingresos netos do conxunto dos seus membros.

Contía, duración e requisitos

As persoas que resulten beneficiarias recibirán unha axuda de ata 500 euros mensuais polo prazo que acrediten estar en situación de vulnerabilidade por mor da covid e durante un período máximo de seis meses consecutivos.

Estas subvencións serán compatibles con calquera outra axuda ao alugamento que viñera percibindo o arrendatario, sempre que o total a percibir non supere o 100% do importe da renda. A única excepción son os programas autonómicos do Bono de alugueiro social e do Bono de alugueiro social destinado ás vítimas de violencia de xénero, xa que este ano os beneficiarios de ambas liñas teñen cuberta pola Xunta a totalidade dos seus arrendamentos.

Así mesmo e como principal novidade da convocatoria 2021 das axudas ao alugueiro para minimizar o impacto da covid, cómpre subliñar algúns cambios introducidos nas bases reguladoras co obxectivo de mellorar e axilizar a súa tramitación, grazas á experiencia adquirida o ano pasado e atendendo á propia complexidade do programa.

Deste xeito, simplificaranse os anexos que se deben xuntar coa solicitude, modificarase a forma de xustificación para poder cobrar a axuda e mellorarase tamén o modo de pagamento, que en lugar de facerse mes a mes, realizarase dunha soa vez mediante transferencia á conta da persoa arrendataria.

Outras axudas ao alugueiro

Ademais desta liña, cómpre lembrar que a Xunta tamén ofrece outros tres programas de axudas directas en materia de alugueiro: o Bono de alugueiro social, que se puxo en marcha no ano 2015 para atender con carácter urxente a unidades de convivencia vulnerables e con dificultades para manter os seus fogares; o Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, impulsado co mesmo fin pero dirixida a un colectivo especialmente sensible neste sentido; e as axudas ao alugueiro para facilitar o acceso e mantemento da vivenda habitual entre persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos.

En resumo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda porá este ano á disposición das persoas cunha situación económica delicada ou que se están a ver especialmente afectadas pola covid, catro programas de axudas directas para facilitarlles o pago dos seus alugueiros, cun investimento total de case 10 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es