CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia xa conta cunha folla de ruta propia coa que afrontar os efectos do cambio climático na comunidade

A Consellería de Medio Ambiente aprobou hai ano e medio a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que ten por obxectivo global acadar a neutralidade climática na Comunidade

  • Sagrario Pérez, na xornada divulgativa Ferramentas para a adaptación ao cambio climático

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021.- A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, salientou hoxe que Galicia xa conta cunha folla de ruta propia coa que mitigar os efectos do cambio climático na Comunidade, a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que foi aprobada hai ano e medio.

A directora xeral participou esta mañá na xornada divulgativa Ferramentas para a adaptación ao cambio climático, no marco do proxecto Life Shara, onde destacou que a Estratexia elaborada polo Goberno galego ten como obxectivo global acadar a neutralidade climática de Galicia antes do ano 2050.

“Para conseguilo apóstase pola implementación de enerxías renovables, o aproveitamento da absorción de CO2 dos montes galegos e a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores”, subliñou.

Galicia xa leva tempo preparada na loita contra este fenómeno e, de feito, fixo unha serie de alegacións á Lei estatal de cambio climático que non foron atendidas. Nesta liña, a Consellería lamenta que non se contara na súa elaboración coa participación do Goberno galego, cuxa Estratexia é máis ambiciosa, e que non se atenderan ata o de agora as reiteradas peticións de modificar a devandita norma.

Segundo Pérez Castellanos, a folla de ruta da Xunta tamén prevé outros tres ámbitos de actuación: a adaptación aos efectos do cambio climático, a sensibilización da cidadanía e a investigación e a innovación.

A modo de exemplo, citou o traballo que se está a realizar no reforzo da monitorización dos efectos do cambio climático sobre o territorio galego e na mellora de mecanismos de resposta fronte os eventos climáticos extremos son parte fundamental das pautas de adaptación.

Así mesmo, puxo en valor o labor que se realiza na Comunidade grazas á existencia dunha infraestrutura de observación meteorolóxica e océano-meteorolóxica que permite dispoñer de series históricas de datos, que facilitan a avaliación dos impactos de cambio climático. Estas series e modelos matemáticos de predición en atmosfera e mar son un apoio importante á hora de poñer en marcha ferramentas específicas de apoio á xestión de fenómenos adversos.

A directora xeral tamén destacou que desde o ano 2016 Galicia conta cunha ferramenta de apoio á avaliación dos efectos do cambio climático, un visor de escenario climáticos que permite coñecer os cambios esperados en 22 índices relacionados coa temperatura e a precipitación en función da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Este visor está baseado en datos diarios e permite a consulta por concello, pois “a adaptación deste fenómeno global debe abordarse desde o eido rexional e local”. Nese sentido, engadiu que as rexións, e Galicia en concreto, traballan con moita máis anticipación que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Por último, a directora agradeceu a oportunidade de participación nesta xornada na que se pode poñer en valor o traballo que se realiza desde a Xunta e que permite achegar un gran de area aos obxectivos fixados no proxecto Life Shara, como dar a coñecer a importancia e relevancia da adaptación ao cambio climático e o aproveitamento de sinerxías e recursos para analizar os impactos do derivados e compartir as medidas que os eviten ou limiten.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es