CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten habilitadas catro liñas de axudas a particulares para o pago de alugueiro cun orzamento de case 10 M€

O delegado territorial, Luis López, informa destes programas de apoio para favorecer o mantemento dos fogares por parte das familias con escasos recursos económicos nunha visita ás dependencias do IGVS en Pontevedra

As axudas xerais, que pechan o seu prazo o 30 de abril, repercutirán ata 200 euros mensuais aos seus beneficiarios e poderán chegar ao 250 euros no caso de persoas maiores de 65 anos ou menores de 35 anos

A Xunta tamén ten aberta a solicitude de achegas de alugueiro para persoas en situación de vulnerabilidade pola crise da covid-19 ata o 30 de setembro e o Bono de Alugueiro Social xeral e para vítimas de violencia de xénero ata final de ano

Pontevedra, 16 de abril de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten habilitadas neste momento ata catro liñas de axuda destinadas a particulares con escasos recursos económicos para o pago do alugueiro dos seus fogares cun orzamento global de case 10 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destes programas de apoio, orientados ao mantemento da vivenda por parte de familias en situación de dificultade e vulnerabilidade económica e social, nunha visita realizada ás dependencias do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra xunto ao xefe territorial, José Manuel González.

“A Xunta ten un compromiso permanente co dereito a que os galegos e as galegas teñan unha vivenda digna e a poidan manter nas mellores condicións e ademais non é allea a que a vulnerabilidade social está aumentando como consecuencia dos efectos da pandemia nas economías domésticas, polo que implementamos un esforzo especial este ano, aínda superior á do exercicio anterior, para que as familias en dificultades poidan facer fronte ao pago das rendas da súa vivenda habitual”, explicou o representante autonómico.

As axudas xerais, destinadas a persoas e colectivos específicos con escasos recursos, poden solicitarse ata o vindeiro 30 de abril e contan con dúas liñas diferenciadas: unha destinada á poboación en xeral, cuns importes máximos de ata 200 euros mensuais que poderían chegar aos 250 para as persoas maiores de 65 anos, e outra para os menores de 35 anos, que tamén poderán optar a subvencións de ata 250 euros ao mes. En ambos casos, a duración desta achega será dun ano.

Esta nova convocatoria, enmarcada no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, conta cunha partida orzamentaria de 2,27 millóns de euros e, na actualidade coas resolucións da anterior edición, está a beneficiar a máis de 5.000 galegos.

Por outra banda, o departamento autonómico que dirixe Ánxeles Vázquez tamén abriu, hai dez días, a orde de axudas ao alugueiro para familias en situación de dificultade transitoria como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Esta liña, creada o pasado ano cun milleiro de beneficiarios, oriéntase a titulares dun contrato de arrendamento de vivenda habitual de alomenos un ano que acrediten a súa situación de vulnerabilidade económica e que deben solicitala ata o 30 de setembro.

Para elo, considérase que cumpren os requisitos as persoas en desemprego, ERTE ou redución da xornada laboral como consecuencia da covid-19 e elo lles supoña unha merma dos seus ingresos non superando, con carácter xeral, o límite de tres veces o IPREM ou que teñan unha renda de alugueiro e uns gastos por subministros básicos iguais ou superiores ao 35% dos ingresos netos de todos os integrantes da unidade de convivencia. No caso de ser beneficiarios, recibirán unha achega da Xunta de ata 500 euros mensuais por un período máximo de seis meses.

Finalmente, a Xunta tamén ten vixente, ata o 10 de decembro, o Bono de Alugueiro Social xeral e o orientado a vítimas de violencia de xénero, que se convocaron por importe de 3,66 millóns de euros pero, atendendo á situación provocada pola covid-19, vaise ver complementado polo Goberno galego ata chegar á totalidade do custo das rendas dos beneficiarios cunha addenda orzamentaria de 1,98 millóns.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es