CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta concede axudas a oito concellos da provincia da Coruña por un importe total de máis de 521.000 euros para crear ou mellorar infraestruturas municipais

Estes incentivos están pensados para os municipios de menos de 20.000 habitantes, para colaborar nos seus proxectos de humanización e frear o despoboamento, mellorando a calidade de vida dos veciños

A Coruña, 1 de maio de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará máis de 521.000 euros para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de oito concellos da provincia da Coruña. Estas axudas estaban destinadas a municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Por comarcas na área de Santiago apoiaranse catros proxectos en Ordes, Trazo, Teo e Santiso cun investimento total de 250.000 euros; na comarca do Barbanza recibirán estes apoios os municipios de Porto do Son e Muros cun importe total de máis de 135.000 euros; na área de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta financiará unha actuación de máis de 67.000 euros no concello de Dumbría; e na comarca de Ferrolterra recibirá estas axudas o municipio de Ares cun importe de máis de 67.000 euros.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.

Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións, convocada por concorrencia non competitiva, enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

De feito, nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Unha parte destes fondos destinarase a cofinanciar proxectos municipais a través da sinatura de convenios cos concellos no marco do Plan Hurbe, un programa posto en marcha en 2010 e a través do cal a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de municipios; e a outra, á convocatoria da orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes que foi convocada hoxe.
 

Documento/s relacionados

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es