CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licitará nos próximos días a redacción do Plan de xestión da paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba

Laxe (A Coruña), 30 de abril de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sacará a licitación pública nos vindeiros días o contrato de redacción do futuro Plan de xestión da paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba, un conxunto de elevacións graníticas que se estende ao longo de 212 hectáreas entre os concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe e destaca polo seu interese xeolóxico.

Así o anunciou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que foi convidada polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a participar nunha visita polo sendeiro que percorre parte deste singular espazo.

Tras lembrar que hai dous meses ela mesma se comprometera con ambos rexedores a axilizar a tramitación do devandito plan, do Campo subliñou a importancia de que un lugar como os Penedos de Pasarela e Traba conten co seu propio documento de xestión, cunha vixencia prevista de 10 anos e que previsiblemente quedaría aprobado o vindeiro ano.

Neste sentido, indicou que o obxectivo da Xunta é dotar a este espazo protexido dun instrumento útil e operativo no que se recollan as principais metas que se queren lograr desde o punto de vista da súa xestión pública, da divulgación ambiental dos seus valores e da regulación dos usos públicos.

Ademais, lembrou que o futuro Plan de xestión tamén incluirá unha memoria económica na que se detallarán tanto as principais actuacións de conservación e posta en valor previstas como o seu custo estimado.

De igual xeito, a directora xeral incidiu na importancia deste instrumento á hora de poñer en valor a riqueza e os puntos fortes dun espazo protexido como os Penedos de Pasarela e Traba, actuando como reclamo para o turismo sostible en ambos concellos e, por extensión, no resto de Galicia. Neste sentido, tendeulle a man aos concellos de Laxe e Vimianzo a colaborar na divulgación desta zona a través dalgunha posible actuación conxunta entre administración autonómica e local.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es