CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta subvencionou case 3.000 accións de identificación e esterilización de animais abandonados ao abeiro das axudas de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou o ano pasado 125.000 euros a este tipo de axudas

O Consello da Xunta coñeceu esta semana a nova convocatoria de subvencións, que se publicará ao longo deste mes por un importe global de 440.000 euros

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subvencionou case 3.000 accións para a identificación e esterilización de animais domésticos abandonados ao abeiro das axudas do pasado ano.

En base a esta liña de incentivos concedéronse un total de 15 subvencións a senllos organismos administrativos, que permitiron a identificación de 1.410 animais e que implicaron un custe de 28.2000 euros; así como a esterilización de 1.461 exemplares, por un importe total de 96.800 euros. Así, o importe disposto ás actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia ascendeu a 125.000 euros.

Tal e como foi informado o Consello da Xunta esta semana, a Consellería manterá en 2021 este esforzo, polo que está previsto que ao longo deste mes se publique unha nova convocatoria de axudas para a protección e coidado dos animais domésticos abandonados, por un importe global de 440.000 euros. A principal novidade deste ano é que se convocarán á vez dúas ordes: unha dirixida a entidades locais e outra específica para asociacións protectoras debidamente rexistradas na Comunidade.

Grazas a estas subvencións, poderanse cubrir os gastos derivados da esterilización cirúrxica dos animais, coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción, o custo das vacinas e doutras medidas profilácticas, así como das intervencións necesarias para proceder á identificación de cada exemplar mediante microchip, a correspondente inscrición no Regiac e a expedición do pasaporte sanitario.

Ademais, o orzamento reservado para ambas ordes este ano (440.000 euros) é o máis elevado desde que a posta en marcha deste programa, un incremento que permitirá sufragar tamén outro tipo de gastos, como a compra de penso ou de equipamento e material non funxible para os centros de acollida, así como a realización de campañas de sensibilización e fomento da tenza responsable por parte de entidades protectoras.

Cómpre lembrar que desde o ano 2017 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén convocando con carácter anual unha orde de axudas destinada a subvencionar gastos de atención e coidado dos animais de compañía, mobilizando a través das catro últimas convocatorias un orzamento total de 650.000 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es