CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta asesora ao persoal de 22 concellos da provincia de Ourense sobre a aplicación das novas directrices da paisaxe

Bande (Ourense), 8 de xuño de 2021.- O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou a 22 concellos da provincia de Ourense a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Bande, San Cibrao das Viñas, Porqueira, Paderne de Allariz, Lobeira, Taboadela, Allariz, Calvos de Randín, Muíños, A Merca, Entrimo, Xunqueira de Ambía, Lobios, Sandiás, Verea, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Padrenda e Quintela de Leirado, no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no Salón de actos da Casa do Concello de Bande.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva dous meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta dá valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es