CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

As dúas liñas de rehabilitación da Xunta dirixidas aos concellos garantirán o acceso a unha vivenda a case 70 familias de 32 municipios galegos

Ángeles Vázquez fixo balance das axudas concedidas ao abeiro dos programas de inmobles de titularidade municipal e de infravivenda, cos que se achegan case 2 millóns de euros entre os concellos beneficiados

A través da convocatoria de 2021 destas liñas, o Goberno galego concedeu incentivos para recuperar un total de 28 vivendas na provincia de Ourense

Cartelle (Ourense), 20 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de resolver as axudas de dous programas de rehabilitación, dirixidos aos concellos, que permitirán a recuperación de case 70 inmobles en 32 municipios galegos, e que recibirán preto de 2 millóns de euros en subvencións autonómicas.

Trátase do programa para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, que na convocatoria deste ano se resolveu coa concesión de axudas a 25 concellos, por un importe de 1,7 millóns de euros, cos que colaborar na rehabilitación de 47 vivendas. A segunda liña resolta, a de infravivenda, concede 9 subvencións que suman un importe de case 280.000 euros e que permitirán a outros tantos municipios recuperar 21 inmobles.

“En definitiva, as axudas converteranse no futuro fogar de preto 70 familias”, salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou este mediodía dúas antigas vivendas de mestres —agora chamadas de titularidade municipal— que foron recuperadas no concello ourensán de Cartelle.

Do total, 24 vivendas serán rehabilitadas a través da convocatoria de 2021 deste programa de vivendas de titularidade municipal e están situadas na provincia de Ourense, unha delas precisamente en Cartelle e o resto na Veiga (8), Riós (2), Trives (1), Taboadela (3), Os Blancos (2), Ramirás (1), Lobios (2), Porqueira (1), Cortegada (1) e A Merca (2).

Mentres, na provincia da Coruña as axudas foron concedidas a Santiso (1 vivenda), Curtis (2) e A Baña (2); na provincia de Lugo, a Alfoz (1), Sarria (5), A Fonsagrada (2), O Corgo (1), Paradela (2), Sober (1) e Mondoñedo (1); e, na provincia de Pontevedra, a Dozón (1), A Lama (2), Forcarei (1) e Crecente (1).

No caso das axudas de infravivenda, irán destinadas a Coristanco (1 vivenda), Trazo (3), Cervantes (1), A Veiga (2), Carballeda de Avia (2), A Lama (3), Moraña (3), Fornelos de Montes (1) e As Neves (5).

A conselleira salientou que ambas liñas de axudas teñen un dobre beneficio: o de facilitar un fogar digno ás persoas que o necesitan e o de recuperar unha zona degradada, dotala de vida e enchela de xente que quede a vivir nestas localidades máis pequenas.

Tendo en conta eses dous retos, a Xunta non pode deixar de lado aos municipios que queren mellorar o seu parque público de vivenda; polo que con estes incentivos se evita que os concellos asuman o 100% do custo dos traballos para recuperar inmobles que, en cada caso, requirirán renovar as cubertas, cambiar carpinterías exteriores, rehabilitar fachadas e acondicionar os accesos, entre outras actuacións.

Cartelle, exemplo de afán pola rehabilitación

Aproveitando a visita, Ángeles Vázquez felicitou aos responsables do Concello de Cartelle porque, grazas a acollerse ás axudas para vivendas de titularidade municipal, recibiu 80.000 euros e puido acometer as actuacións de rehabilitación de dúas vivendas de 60 metros cadrados.

A conselleira puxo a Cartelle, un concello de algo menos 3.000 habitantes, como “exemplo” do afán pola rehabilitación, posto que xa en anteriores anualidades xa recuperara grazas a estas axudas unha vivenda por importe de 185.000 euros e, ao abeiro da convocatoria de 2021, investirá nun antigo inmoble cunha achega da Xunta de 40.000 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es