CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta pecha a rolda inicial de contactos para comezar a tramitación do Plan reitor do Parque natural do Xurés

O Goberno galego leva meses programando encontros con todos os axentes sociais e económicos da contorna, para coñecer o seu punto de vista e facelos partícipes desta ferramenta que determinará as actividades a desenvolver nos vindeiros anos

Lobios (Ourense), 22 de xullo de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechou hoxe a rolda inicial de encontros técnicos e de traballo para avanzar cara a tramitación do Plan reitor de uso e xestión do Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, celebrou varias reunións ao longo do día de hoxe —no Centro de interpretación do Parque en Lobios— con entidades presentes na zona: empresarios, hostaleiros, emprendedores no eido do ecoturismo, comunidades de montes comunais e representantes do sector da gandería, así como asociacións de veciños.

Estas xuntanzas supoñen o broche final aos encontros planificados, e celebrados ao longo destes meses, que serviron para coñecer de primeira man os intereses e preocupacións das persoas que viven e cohabitan con este territorio e que foron propostos polos seis alcaldes do Parque natural.

Tal e como indicou a directora xeral, “contar coa opinión e visión de quen pisa día a día o territorio é imprescindible para garantir o equilibrio entre a necesidade de conservar, manter e mellorar a biodiversidade do Xurés e as actividades e usos sustentables que se poden levar a cabo”. Nese sentido, salientou que o PRUX é “a guía, a folla de ruta, que marcará o desenvolvemento económico, turístico e medioambiental deste espazo nos vindeiros anos”.

Así mesmo, sinalou que, aínda que este sexa o último encontro que se celebra para recoller aportacións de maneira directa, non será a última ocasión na que se intercambien puntos de vista e visións sobre esta ferramenta; pero si que agora lle toca a Administración mergullarse na tramitación máis administrativa para dar forma ao documento básico de partida e ás achegas recibidas durante estes meses.

Do Campo asegurou que axilizará os trámites e acompasará o período de información pública e a solicitude de informes aos organismos con competencias, para presentalo canto antes no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) e no Consello da Xunta. O obxectivo é que o PRUX do Parque natural máis extenso de Galicia poida ser aprobado a comezos do seguinte exercicio, tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na súa última visita ao Xurés.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es