CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez salienta a importancıa da arquitectura, "unha disciplina integrada no cotián dos galegos"

Salienta que a Xunta, consciente diso, impulsou medidas como a Lei de arquitectura de Galicia, cuxo Anteproxecto se está a ultimar

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia dunha disciplina como a arquitectura, xa que “está integrada no cotián dos galegos”.

A conselleira inaugurou esta mañá no edificio administrativo de San Caetano a exposición Obras galegas premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que será itinerante e coa que o Goberno galego recoñece o potencial dos arquitectos e do bo traballo que se realiza na Comunidade.

Así, recordou que a última Bienal convocada seleccionou 70 traballos, dos cales 14 eran de arquitectos galegos, e finalmente resultaron premiadas cinco obras galegas, unha de cada catro das galardoadas.

“Cinco construcións que poñen de relevo como a arquitectura está moi próxima ao cidadán e rodéao a diario”, salientou a conselleira, tal e como o demostran as obras premiadas, desde o Banco do Piñeiro no miradoiro da Pedra da Ra (Ribeira), de Carlos Seoane, ata a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Miraflores (Muros), de Fuertespenedo Arquitectos.

Tamén destacou a intervención realizada no campo de fútbol da Gandareira (Silleda), de Abraham Castro e Carlos Pita, ou a estrutura efémera Tribuna Pública (A Coruña), de Flu-or Arquitectura e Alba González, pechando esta lista de galardoados o complexo turístico de Albeida (Outes), de Salgado e Liñares Arquitectos. É dicir, “cinco exemplos de como a arquitectura moldea os espazos dedicados ao turismo e ao lecer, á vivenda e as instalacións deportivas”, subliñou.

O delegado de Santiago de Compostela do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Ángel Cid, fixo unha reflexión similar e destacou a “diversidade das obras”, tanto polos promotores, as escalas e orzamentos; así como pola experiencia e traxectoria profesional de quen firma estas intervencións.

Por último, a conselleira destacou que conscientes da importancia de trasladar á sociedade o valor social desta disciplina, a Xunta impulsou dúas medidas para visualizar o recoñecemento e aportación da mesma, creando os Premios de arquitectura e rehabilitación e impulsando a primeira Lei de arquitectura de Galicia, cuxo Anteproxecto se está a ultimar.

Unha Lei de arquitectura que, engadiu, ademais de definir as titulacións profesionais e procurar unha simplificación da normativa e axilización de trámites, fomentará o ensino, a divulgación e a sensibilización, para trasladar á sociedade o papel da arquitectura, como elemento dinamizador da economía, do turismo e da demografía.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es